O DOG publica as convocatoria de axudas para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais
O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, reafirmou esta mañá “a aposta da Xunta polo rural galego”, apoiando ás entidades locais no financiamento de proxectos esenciais para incentivar o asentamento de poboación no rural.
Pazos Couñago fixo estas declaracións durante unha rolda de prensa na que presentou a convocatoria de axudas que publica hoxe o DOG para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.
A contía máxima destas subvencións é de dous millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que fixa como obxectivo a mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais.
As actuacións susceptibles de ser beneficiadas responderán a proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén serán subvencionables a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello.
Poderán beneficiarse destas axudas os concellos de poboación inferior a 30.000 habitantes e que remitiran as contas municipais do exercicio 2013 ao Consello de Contas. A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80 por cento do orzamento da obra ou equipamento, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 46.000 euros para as solicitudes conxuntas ou de concellos resultantes dunha fusión.
A estre respecto hai que lembrar que, tal e como se vén facendo desde o ano pasado a través dun acordo ratificado polo Consello da Xunta, o Goberno galego está a incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal voluntarios, como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.
En cumprimento deste acordo, a convocatoria de hoxe incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente, podendo acadar ata un máximo de 30 puntos por este concepto. Os concellos resultantes de procesos de fusión municipal ou incursos neste procesos obterán de forma automática eses 30 puntos coa mera presentación da solicitude.
Ademais, incentívanse economicamente este tipo de actuacións, ampliando a achega máxima a 46.000 euros, e permítese compatibilizar a presentación de proxectos de xestión compartida coa solicitude de proxectos de xestión individualizada. Polo tanto, cada concello terá a opción de presentar dúas solicitudes de axuda, correspondentes a cada unha das modalidades contempladas na orde.