Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade un REC de 32.000 euros para non minorar a achega a obras do Plan Único


 

O POS+ 2020 aprobarase nunha sesión extraordinaria o mércores 18 de decembro, ás 20:15 horas

O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade, en sesión extraordinaria e urxente celebrada onte luns, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 32.688,07 euros para o pago de facturas de Unión Fenosa “e así non reducir a cantidade dedicada a obras a través do POS+ 2020”, explicou a alcaldesa Teresa Villaverde. Deste xeito, o Pleno autorizou o pago destas facturas, que se fará hoxe martes, e así o mércores 18 de decembro, ás 20:15 horas, terá lugar unha nova sesión extraordinaria na que se aprobará o Plan Único 2020.

As facturas recoñecidas na sesión plenaria de onte luns correspóndense con pagos a Unión Fenosa correspondentes aos anos 2015, 2016 e 2017. Villaverde explicou que o Concello de Lousame mantén un proceso xudicial coa compañía eléctrica ao entender que moitas das facturas emitidas non son correctas. “Nos últimos días chegaron estas facturas por máis de 32.000 euros que si nos corresponde pagar e optamos por facer un REC para non reducir máis o POS+ 2020. Se o facemos así, gañamos en obra”, indicou Villaverde Pais.