Saturday 16 de November de 2024

Lete Lasa inaugura a ampliación do ximnasio da piscina Municipal de Boiro levada a cabo pola Xunta cun importe de máis de 81.000 euros


A provincia da Coruña vese beneficiada neste 2019 por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na mañá de hoxe a obra de ampliación e mellora do ximnasio da piscina municipal de Boiro (A Coruña). A actuación levada a cabo pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte obedece ao convenio asinado o pasado mes de xuño entre o secretario xeral e o alcalde boirense naquel momento, Juan José Dieste, e contou cun orzamento de máis de 81.000 euros (81.009,51 euros), cofinanciados polo Goberno autonómico (60.000 euros) e o Goberno local (21.009,51 euros).

Deste xeito e grazas a actuación conxunta, duplicouse a superficie do espazo dedicado ao ximnasio e xerouse un espazo de calidade e salubridade axeitado aos usos e á demanda actual dos usuarios do centro. As obras levadas a cabo consistiron nos traballos previos, execución da soleira, execución dos paramentos, execución da cuberta e acabados.

O responsable da carteira de Deportes destacou a importancia dunha obra destas características que “consegue responder á gran demanda de usuarios experimentada nos últimos anos polo concello de Boiro e a súa zona de influencia, unha situación que fala ás claras do bo momento polo que pasa o deporte galego que cada día chega a máis xente”.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destina unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, a provincia da Coruña vese beneficiada por obras que alcanzarán os 626.000 euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.