A empresa municipal dálle luz verde a un investimento de máis de 10 millóns de euros na renovación da rede e novas infraestruturas
O Consello de Administración de Emalcsa aproba mañá un convenio entre a empresa municipal e o Concello de Arteixo para ampliar a subministración de auga potable ao municipio. O acordo enmárcase dentro do Plan estratéxico da Rede Xeral de Abastecemento da área metropolitana para garantir o abastecemento dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros en función das previsións de crecemento para os próximos 20 anos.
O abastecemento de Arteixo atópase incluído no Plan director de abastecemento de Alvedro, que ten un orzamento de 18.324.079 euros, dos que lle corresponde a Arteixo a cantidade de 9.781.000 euros, importe calculado en función do caudal solicitado polo Concello. Neste importe están incluídas as obras proxectadas ata os depósitos de Pena Moa e Vío Baixo e deberán incluírse o tramo Vío Baixo ata Vío Alto e o depósito correspondente.
O convenio recolle que será Emalcsa a encargada de executar as obras recollidas no Plan director de Alvedro e anticipará o custo de execución. Emalcsa garantirá a subministración (adicional ao de Meicende, Pena Moa e Monte das Arcas) dos seguintes caudais: 212 l/ s no depósito en Vío Alto e 90 l/s no depósito de Pena Moa. O prazo de execución das obras e posta en servizo é ata 2023.
Arteixo deberá aboar as tarifas pola subministración de auga que consuma que inclúe o financiamento da parte de investimento que lle corresponde. O importe inicial é de 9.683.852,85 euros. Ao importe das obras previstas no Plan director de Alvedro no ramal de
Nota de Prensa
Vío haberá que lle engadir 3.566.810 euros do proxecto para a “Condución xeral de abastecemento ao Concello de Arteixo e reforzo da subministración de auga no polígono de Morás. Conexión de Vío Abaixo-Vío Alto”. En total, un investimento de aproximadamente 14 millóns de euros.
Emalcsa anticipará o custo dos investimentos e repercutirao ao Concello de Arteixo a través do establecemento dun canon por metro cúbico consumido, que será facturado por Emalcsa con carácter mensual e que se establecerá en relación ao investimento efectuado. O canon comezará a abonarse a partir de xaneiro de 2023 e o seu importe será revisado cada cinco anos.
Por outra banda, en 2020 finalizaranse as obras de construción do depósito de cabeceira de Alvedro, así como as obras de conexións xerais que mellorarán a subministración a toda a área metropolitana cun orzamento de oito millóns de euros. En canto á Coruña cidade, mantense o plan investidor de renovación da rede de abastecemento por un importe de dous millóns de euros.