O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, e a concelleira de Voluntariado, Lorena Couso, asistiron á derradeira sesión por este ano dos Libros Viaxeiros, celebrada o pasado venres na biblioteca do Convento do Carme. O libro analizado nesta ocasión foi “La música del viento”, de Jordi Sierra i Fabra, un canto á esperanza ante o gran reto de erradicar definitivamente a explotación infantil.
Libros Viaxeiros é unha iniciativa posta en marcha pola Oficina Municipal de Voluntariado de Padrón, en colaboración coa asociación de persoas con discapacidade intelectual AMIPA. O seu obxectivo é a integración social da poboación con diversidade funcional e discapacidade intelectual, así como facilitar o acceso á cultura. O programa naceu no primeiro semestre de 2019 e retomouse o pasado mes de outubro diante do éxito colleitado.