Para o serán deste mércores 18 de decembro está convocada unha sesión extraordinaria do pleno que leva na súa orde do día como punto principal -o outro é a aprobación da acta anterior- a avaliación dos proxectos e investimentos que se acollerán ás distintas fases anuais do POS+ da Deputación da Coruña. O montante total que se prevé aprobar na sesión ascende a 753.520,47 euros, entre POS+ e o Plan Complementario, que se dedicarán a gasto corrente, á rede viaria, a equipamentos de aforro enerxético, á merca dun novo tractor e tamén ao acondicionamento da Casa da Cultura.
Da contía total xestionada polo ente provincial prevense asignar a gasto corrente -os propios do funcionamento dos servizos municipais- 182.548,98€, mentres que o resto das cantidades irán todas para investimentos. Na práctica destinarase a este apartado case o total da asignación fixa da convocatoria do POS+, deixando o Plan Complementario para os proxectos de obras e equipamentos. Nesta ocasión San Sadurniño non recorrerá á opción do crédito provincial (o antigo PAI).
Así, no caso do arranxo de pistas o goberno local aposta por continuar reforzando con aglomerados os eixos principais do territorio e os que comunican con outros municipios. Entre eles destaca o aglomerado desde o Eirexado até Lourido, de Lourido a Quintiá e desde Quintiá até o límite coa Capela. Son tres proxectos con importes que, en conxunto, suman algo máis de 171.100 euros. A proposta plenaria reflicte, ademais, o aglomerado desde A Golpilleira a Moimentos, en Santa Mariña do Monte, estimado nun prezo de licitación de 66.460,58€. Tamén se contempla o arranxo de camiños nas Calvelas, no Albeiro, na Agra de Abaixo, en Cornide e no Freixo, agrupados nun paquete único de 44.178,49€ acollido ao POS+.
O outro bloque de proxectos definidos polo Concello céntrase en investimentos de diverso tipo. O de maior importe -150.790,28€- ocuparase de remodelar a Casa da Cultura atendendo a tres apartados: a solución aos problemas de impermeabilización, a climatización e a división en locais do antigo ambigú.
O seguinte en contía -71.390€- é a merca dun novo tractor para rozar pistas e outros cometidos deste tipo de maquinaria, co obxectivo de poder darlle o retiro ao antigo Fiat municipal. Os motivos da adquisición son, por unha banda, a necesidade de modernizar o parque móbil e de apeiros e, por outra, ofrecerlle aos operarios que rozan as pistas un vehículo que faga máis cómodo, seguro e salubre o seu traballo.
O último dos proxectos que se teñen previsto acometer dentro do Plan Complementario ten que ver co aforro enerxético e coa renovación da rede de iluminación pública no centro urbano. O tramo desde Cornide até o Outeiro xa se cambiou hai tempo a led e agora o que se pretende é usar esta mesma tecnoloxía en Marqués de Figueroa, na rúa aberta recentemente ao pé do cemiterio, na Agra de Arriba, na pista dos Corrás e na estrada que vai desde a capela do Belén até a AC-862 pasando polo Enxerto. Neste caso o importe da actuación está cuantificado en 67.000 euros. Xunto coa mellora lumínica tamén se acometerá a unificación de cadros de mando.
O pleno en que se debaterán estes asuntos comezará ás 19.30h. deste mércores e case con toda seguridade será a última sesión do ano.