O catedrático da Universidade de Salamanca, José Fuentes, e o artista Antonio Navarro ofreceron esta fin de semana no Museo do Gravado de Artes un exitoso curso de gravado que vén de concluír este mediodía coa entrega de diplomas aos participantes.
Con tal motivo, o alcalde de Riveira e presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz; xunto coa deputada provincial Sandra González e Pastor Rodríguez como director do museo, fixeron os honores de participar na entrega dos devanditos diplomas dun curso que, baixo o nome “O Gravado V33” ten a súa continuidade asegurada xa que xa hai demanda para unha segunda convocatoria, incluso con lista de espera.
As obras creadas polos participantes servirán para ilustrar un volume conmemorativo do 140º aniversario da publicación do poemario “Aires da miña terra”, de Curros Enríquez, que será editado no 2020, e que virá acompañado unha exposición.
Manuel Ruiz expresou o compromiso da fundación de seguir lanzando accións que redunden na apertura do Museo do Gravado á sociedade.