Saturday 16 de November de 2024

Gran éxito de participación na II Feira Labrega de Brión, que reuniu unha vintena de postos no centro comercial Monte Balado


 

Centos de persoas pasaron durante a mañá pola feira e aproveitaron para coñecer as instalacións do centro de traballo colaborativo “Transformando en Brión”

Gran éxito de participación e vendas na segunda edición da Feira Labrega de Brión, organizada polo Concello de Brión e Daquí Darredor espazos colaborativos de transformación de elementos caseiros, que hoxe estará aberta ata as 19:00 horas na segunda e terceira planta do centro comercial Monte Balado. O alcalde de Brión, José Luís García, visitou esta mañá a vintena de postos de artesanía e alimentación ecolóxica instalados, acompañado por Carme Freire e Dora Vieiro, dúas das promotoras do proxecto “Daquí Darredor”.

García aproveitou o periplo “para desexar a todos os artesáns unha boa xornada de vendas, aproveitar para facer algunhas compras porque a calidade dos produtos é extraordinaria, e tamén para convidalos a participar no proxecto colaborativo Transformando en Brión, que inauguramos onte mesmo e que é froito da colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e do GDR Terras de Compostela”.

De feito, durante toda a mañá centos de persoas se achegaron ata as instalacións do centro de coworking brionés, onde non foron poucos os que transmitiron o seu interese en sumarse á iniciativa. “Estamos falando de poñer en valor os nosos alimentos e darnos conta que podemos consumilos a diario ou mesmo vendelos, porque son un produto de calidade e agora dispoñemos dunhas instalacións perfectamente equipadas para a súa transformación”, explica Carme Hermida.

A variedade de produtos ofertados nos 21 postos presentes é comparable á variedade na súa procedencia. Dende empanadas de Noia a rosca de Ames, de marmelada de pemento de Herbón a pimentón de La Vera ou froitas de Brión. Canda eles, queixos de todos os estilos (tradicionais, con noces, de cabra…), ungüentos, xoias artesáns e varios postos de xoguetes tradicionais, que fixeron as delicias dos máis pequenos, para os que tamén houbo contacontos sobre alimentación responsable e obradoiros.

Paralelamente á feira houbo tamén actividades programadas como a música, cos cantos de cego de Francisco Romualdo pola mañá e as Pandereteiras de Brión e o alumnado da Escola de Música Magariños pola tarde. Así mesmo, durante a mañá houbo unha cata de froita de temporada moi concorrida, así como un obradoiro de elaboración e degustación de conservas. Para a tarde queda unha degustación de cociña con hortalizas frescas e en conserva, así como dous obradoiros para a rapazada, de batucada e de arqueoloxía.