Friday 22 de November de 2024

O Goberno local traballa nunha ordenanza que regule o tránsito dos patinetes eléctricos


A Mesa de Mobilidade reunirase en xaneiro para concretar o regulamento tendo en conta a instrución que vén de publicar a Dirección Xeral de Tráfico

O Goberno local está traballando nunha ordenanza que regule o tránsito de patinetes eléctricos baseándose tamén na instrución transitoria que a Dirección Xeral de Tráfico vén de publicar. Está previsto que en xaneiro se reúna a Mesa de Mobilidade para acordar este regulamento que terá en conta cuestións como que tipo de vehículos están considerados VMP (Vehículos de Mobilidade Persoal) e que comportamentos serán susceptibles de sancións.

Tal como recolle a DXT na súa web, antes de que se aprobe a normativa, estableceranse unha serie de criterios, que serán obxecto de denuncia e que atenden ao consumo de alcol e drogas, o uso do teléfono móbil e auriculares, a circulación por beirarrúas e zonas peonís ou a condición de que nos patinetes só se desprace unha persoa. Ademais, desde Tráfico tamén establecen a obriga do uso de reflectores e dun sistema de iluminación ou o referente ás paradas e estacionamentos. Neste apunto, avogan por que a beirarrúa sexa exclusiva dos peóns e peoas mais advirten que a súa regulación é competencia municipal. Desde a Concellería de Mobilidade, estudarán todos estes puntos de cara a elaborar un escrito que favoreza a seguridade viaria na cidade.