A alcaldesa destacou que o incremento do investimento en servizos sociais, que representan o 15% dos orzamentos para 2015
O Concello de Lousame aprobou na noite de onte luns os seus orzamentos de 2015, que ascenden a 2.949.659 euros, incrementan nun 11, 15% os investimentos reais e permitirán reducir a débeda ata o 8,62%. Uns orzamentos que foron aprobados inicialmente cos sete votos a favor do Partido Popular xa que os concelleiros de PSOE e Compromiso por Galicia volveron abandonar a sesión de orzamentos por segundo ano consecutivo alegando que non tiveran tempo para analizar a documentación.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lamentou que “os concelleiros da oposición volvan a escudarse en que non tiveron tempo para preparar este debate cando tiveron a documentación o mesmo día que a tiven eu pero, a pesar de que eles mesmos recoñecen que se trata do pleno máis importante do ano, non quixeron sacar tempo para preparalo”. Así mesmo, indicou que “semella que o que realmente lles molesta aos concelleiros da oposición é que se reduza a débeda, que se fagan investimentos e que medre o gasto social”.
Abandono do pleno
A sesión extraordinaria comezou coa aprobación da acta do pleno anterior. Cando se ía debater o segundo punto da orde do día, correspondente ao teito de gasto para 2015, o voceiro socialista, Julio Paradela, indicou que “abandonamos a sesión por non ter tempo para tratar os orzamentos. Non temos preparado suficientemente o pleno e o deixamos”. Unha afirmación á que se sumou o voceiro de CxG, Antón Ageitos, quen indicou que “temos pedido por activa e por pasiva que se nos entregue a documentación con máis tempo. Vendo que non se nos fai caso, abandonamos a sesión”.
A alcaldesa Teresa Villaverde recoñeceu que os concelleiros estaban no seu dereito de abandonar a sesión e explicoulles que o persoal municipal estivo traballando arreo para ter a documentación o pasado xoves. “Levóuselles en man para non ter que agardar. Tiveron a documentación o mesmo día que a tiven eu. Penso que un pleno de orzamento é o suficientemente importante para que, se quixeran, tiveran tempo de preparalo”, explicou a alcaldesa de Lousame. O voceiro socialista respondeu que “hai xente que traballa e non podemos atender a todo. Temos despois un pleno da Mancomunidade con moita documentación que revisar”.
Teresa Villaverde insistiu en que “coa memoria explicativa da Alcaldía e un pouco de ganas, se poden analizar os orzamentos de Lousame, que somos un concello pequeno e non estamos falando de orzamentos de vinte millóns, senón de menos de tres. O que leva moito tempo é facelos, non estudialos. Pero está claro que non lles gusta que incrementemos os investimentos e rebaixemos a débeda, pois o sinto”.
Orzamentos sociais
Os orzamentos de Lousame para 2015 ascenden a 2.949.659 euros, o que supón un incremento do 5,61% con respecto ao do exercicio 2014. Os estados de ingresos e gastos aparecen equilibrados, cumprindo estas contas co obxectivo de estabilidade, a regra de gasto e o límite de débeda establecidos para as Corporacións Locais polo Consello de Ministros. Un límite de gasto que, no caso do Concello de Lousame, ascende a 1.536.916,27 euros, tal e como aprobou este luns o grupo de Goberno.
Teresa Villaverde destacou que “a partida dedicada aos servizos sociais representa un 15% dos orzamentos e aquí teñen cabida a atención a domicilio, a dependencia, o fomento do emprego, o centro de día, o punto de atención á infancia, os programas de conciliación, mocidade, muller… É un esforzo moi importante que nos permite ter ben cuberta a área de servizos sociais en Lousame”.
O Capítulo VI (investimentos reais) representa o 32,92% dos orzamentos de Lousame e supón un incremento do 11,15% con respecto ao exercicio de 2014. Neste capítulo contémplanse investimentos como os 123.869,80 euros do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS 2015). Un plan que destinará máis de 50.000 euros á mellora dos parques infantís de Lousame (arranxando o do Punto de Atención á Infancia de Tállara e facendo un novo na escola de Béxeres); outros 34.000 euros para un camiño interior en Silvaredonda (Vilacoba) e para os accesos a Burzó (Fruíme); así como 39.153 euros para a pavimentación dos accesos a Lesende, coa instalación dun sistema de recollida de pluviais.
325.000 euros en seguridade viaria
Os dous proxectos que contan cun maior orzamento para 2015 están relacionados coa seguridade viaria. Así, a Deputación da Coruña investirá 197.467,18 euros na estabilización dun talud na estrada AC-308 e outros 125.796,84 euros nunha senda peonil dende Sanguiñal a Marracín de Arriba e nun camiño da Barreira a Guiende. Tamén se contemplan 30.000 euros para instalar un pozo de bombeo na aldea do Castro; 37.000 euros para unha rede de protección e porterías no campo de fútbol da Silva; 50.000 euros para a mellora da cuberta da Casa do Concello ou case 7.000 euros para un proxecto de aforro enerxético no local sociocultural de Tállara.
Así mesmo, os Orzamentos de 2015 contemplan case 85.000 euros para melloras de camiños, 20.000 euros para saneamento en Servia, 33.000 euros para a rexeneración deportivo ambiental no bosque do neno e máis de 90.000 euros para o proxecto de museo e recreación da actividade das Minas de San Finx.
Redución da débeda
Por outra banda, Teresa Villaverde destacou que ao longo de 2014 o Concello de Lousame foi quen de amortizar totalmente o préstamo concertado en 2012 para o pago a provedores e destacou “a redución da débeda a longo prazo, que pasou dun 33,87% en xaneiro de 2013 a un 10.71% na actualidade. E remataremos o exercicio 2015 cun 8,62%”. Así, en dous anos o Concello de Lousame pasou dunha débeda a longo prazo de 683.018 euros a 225.332 euros.
No que atinxe ao resto de capítulos do orzamento de gastos para 2015, o capítulo de persoal medra un 2,49% debido ao abono de parte da paga extra de 2012 e á inclusión de dúas mensualidades de salarios e seguridade social dos alumnos e profesores do Obradoiro de Emprego Iroite, que se recuperarán posteriormente xa que están financiados pola Xunta. O capítulo de gastos correntes medra nun 30,74% con respecto a 2014 debido, sobre todo, aos gastos de financiamento de servizos como o centro de día ou a escola de música que, á súa vez, suporán máis ingresos logo da recente aprobación dos seus respectivos regulamentos e prezos públicos.
O Capítulo IV (transferencias correntes) medra un 11,15% sobre 2014 como consecuencia da variación das cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza e da necesidade de facer fronte ao pago de parte do prorrateo de xuros debidos á concesionaria do servizo de recollida e tratamento de residuos. Finalmente, no Capítulo VII (transferencias de capital) consígnase unha cantidade simbólica a fin de poder transferir crédito no caso de que se aceptase un investimento conxunto con outro municipio, como sucedeu en 2013 co proxecto de aforro enerxético solicitado por Lousame, Ames e Brión.
Ingresos
Por último, no apartado de ingresos contémplase un 3,92% máis procedente dos impostos directos, logo do incremento do importe das liquidacións resultantes dos padróns correspondentes a 2014 respecto aos de 2013. Os impostos indirectos (ICIO) mantéñense nos parámetros de 2014 e o capítulo de taxas e outros ingresos medra debido, fundamentalmente, aos novos prezos públicos da escola de música e do centro de día. O Capítulo IV (transferencias correntes) contemplan un incremento do 2,5% na Participación nos Ingresos do Estado. Non está prevista a concertación de ningunha operación de crédito con entidades financeiras para o exercicio 2015.