Thursday 21 de November de 2024

O concello e as superficies comerciais da cidade alíanse para cumprir o obxectivo da Coruña sen plásticos


Inés Rey asegurou en rolda de prensa que o obxectivo da campaña Enrédate “forma parte da política transversal que ten o Goberno municipal”

Esta mañá presentouse no Pazo Municipal de María Pita a campaña Enrédate, que se desenvolverá do 14 ao 21 de decembro na cidade para cambiar as bolsas de plástico por bolsas de malla reempregables. En concreto, repartiranse 13.500 bolsas sostibles en diferentes superficies comerciais da cidade.

As entidades colaboradoras nesta campaña, ademais do concello a través da súa Concellería de Medio Ambiente e Sustentabilidade, son Vegalsa, Eroski, El Corte Inglés, Gadis, Alcampo, Froiz, Lidl e Carrefour.

Rey asegurou en rolda de prensa aos medios de comunicación que “o obxectivo é promover entre as coruñesas e coruñeses hábitos de compra máis saudables, máis sostibles e coidadosos co noso medio. Sobre todo, é importante que eviten a xeración de residuos innecesarios”. A alcaldesa explicou que este obxectivo “forma parte da política transversal que ten o Goberno municipal, especialmente a levada a cabo pola concellería que dirixe Esther Fontán” e que se trata de que “a poboación evite esa inmensa cantidade de plástico que se xera no día a día posto que queremos unha Coruña sen plásticos que acade os obxectivos da Axenda 2030”.

Pola súa banda, Esther Fontán dixo que “a concellería está comprometida con tratar de lle trasladar á cidadanía a necesidade de cambiar os seus hábitos cotiáns, posto que estes teñen gran repercusión á hora de tratar os nosos residuos e de facer un medio máis sostible e mellor para todas e todos”.