Nunha concorrida Asemblea local convocada na tarde de onte (12/12/2020) debateuse a situación municipal logo das dúas mocións de reprobación e as peticións de dimisión do Alcalde de Fene Gumersindo Galego presentadas polo BNG e IU por unha banda e o PSdeG por outra.
Ante a falta de dignidade e a ausencia de iniciativa do alcalde fenés, que se resiste abandonar a alcaldía voluntariamente, a pesar de non ter nin maioría no Pleno nin apoio do que foi o seu partido, o PP. Fene entra nunha crise sen precedentes nos últimos 40 anos. Falta de goberno, falta de liderado da alcaldía, falta de traballo e de proxecto. Un concello sumido no caos cun grupo de goberno dando bandazos, políticas erráticas en materia de persoal, sen proxecto definido nas obras e cunha privatización irregular dos servizos municipais. E a gota que enche o vaso é o delito penal contra a seguridade viaria polo que foi condenado o alcalde Gumersindo Galego hai un mes.
Cinismo, foi a definición da Asemblea do BNG da actitude do edil popular, dándose de baixa do PP pero manténdose no cargo e no Grupo Municipal do Partido Popular, unha xogada para lavarse as mans o PP da súa responsabilidade.
A responsábel local do BNG, Digna Faraldo, xa se puxo en contacto co seu homólogo socialista José Carlos Romero e coa portavoz de EU, MªCarmen Martínez, trasladándolles o acordo da Asemblea de iniciar conversas co obxectivo de recuperar a normalidade institucional no Concello de Fene.
O BNG como forza maioritaria da oposición con 6 edís, igual que o grupo municipal do PP, ten a obriga e a responsabilidade de sumar apoios que logren o obxectivo de ter un novo goberno en Fene, plural e inclusivo que deixe atrás estes anos escuros de mala praxe política, de corrupción e de xudicialización da vida municipal.