Friday 22 de November de 2024

Esta fin de semana a praia do Matadoiro acolle a III edición da SuperLiga Siroko de surf profesional


 

O campionato co que colabora o Concello da Coruña presume de total paridade desde o seu inicio en 2017.

Esta mañá presentouse no Pazo Municipal de María Pita a SuperLiga Siroko de Surf Profesional que terá lugar este sábado e domingo na praia do Matadoiro da Coruña. No acto de presentación do campionato participaron o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, o director da SuperLiga Siroko, Lucas Altamira, a surfista local que representa a Galicia, Isabel Gundín, e o surfista local que tamén representa a nosa comunidade autónoma, Martín Cortijo.

O primeiro campionato da SuperLiga Siroko realizouse en 2017 nas costas do noso país, sendo a primeira liga dun deporte profesional con total paridade a nivel nacional e que se consolida nesta terceira edición de 2019 como a competición de referencia no país que reúne ás e aos mellores deportistas da nosa xeografía.

Esta edición da SuperLiga Siroko disputouse cos 72 mellores “riders” do país con idades que van desde os 14 aos 35 anos nas categorías feminina e masculina nas comunidades de Cantabria, Euskadi e Asturias, e rematará esta fin de semana na Coruña. Na praia do Matadoiro competirán 12 surfistas por cada categoría.

O edil de Deportes desexou un gran éxito a esta liga que acolle a cidade da Coruña e da que destacou a súa total paridade, “nunca antes visto nun campionato de surf: política de igualdade absoluta tanto en premios, ondas e mareas”, asegurou Borrego.