A Agrupación Socialista de Ordes fixo entrega esta mañá nos Servizos Sociais do Concello de Ordes dunha achega de 1.000 cueiros e 100 litros de leite de crecemento enriquecida dirixida a nenos e nenas do municipio. O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, explica que “este ano, en vez de facer a nosa habitual achega de alimentos non perecedoiros, pensamos que sería mellor idea centrarnos nos nenos, por coherencia coas iniciativas que presentamos contra o recorte dos alimentos incluídos no Plan de Axuda Alimentaria para 2014”.
Neste sentido, o voceiro municipal socialista lembra que “ante o recorte de produtos que consideramos básicos, como os cereais infantís, preferimos centrar a achega deste ano en dous produtos fundamentais para as familias con nenos, como son os cueiros e o leite”. A aportación foi entregada esta mesma mañá aos Servizos Sociais do Concello de Ordes. A tenente de alcalde, Silvia Marín, agradeceu a achega da Agrupación Socialista de Ordes, destacando que se trata de dous produtos dos que apenas se dispoñen de doazóns no municipio.