O Goberno local acorda retrotraer o procedemento de adxudicación do servizo de conterización, recollida e transporte dos residuos á fase de valoración de propostas
A Xunta de Goberno local aproba mañá nunha sesión extraordinaria presentar un recurso de alzada ante a Consellería de Cultura para que modifique a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data do 9 de outubro que lle impide á Concellería de Urbanismo sacar adiante as obras de mellora da accesibilidade ás dependencias municipais situadas na Fábrica de Tabacos que aparecen recollidas no Proxecto de Acondicionamento de dependencias municipais da Antiga Real Fábrica de Tabacos de abril de 2019.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegura que é necesario garantir o acceso universal ás futuras oficinas municipais coa construción dunha rampla e que ademais eliminar este acceso na fachada posterior implica que o edificio funcione de costas ao espazo que linda con el. Eliminar a rampla, tal e como suxire Patrimonio, supón tamén que a Administración pública discrimine as persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional e é contrario aos principios de accesibilidade universal. Principio, indica o concelleiro, que a Xunta acatou cando dispuxo ramplas en todos os accesos ás súas dependencias. Segundo Villoslada, a rampla incluída no proxecto simplifica en todo o posible a xeometría definida no proxecto básico.
O Consello Territorial de Patrimonio di na súa resolución que a proposta para habilitar unha entrada na parte posterior do edificio distorce a concepción do inmoble, que xa conta cunha entrada principal, polo que o efecto na fachada posterior ten que se reducir ao mínimo e que a necesidade de acceso adaptado pode ser solucionado polas ramplas existentes nas fachadas laterais sen necesidade de seguir construíndo ramplas.
Doutra banda, a Xunta acordará a execucion da resolución do Tribunal Administrativo de
Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal), que obriga o Concello
a retrotraer o expediente do procedemento de adxudicación do servizo de conterización, recollida e transporte dos residuos urbanos ao acto de valoración das propostas co obxecto de analizar a oferta presentada pola segunda clasificada no concurso UTE Copasa repecto aos vehículos ofertados para a zona centro, onde se concentra a maior oferta hostaleira.
A Xunta tamén tomará coñecemento de que o Tacgal estima o recurso presentado pola Ute Copasa e anula a adxudicación do lote 2 do servizo acordado pola Xunta de Goberno Local do 6 de agosto de 2019 e deberá excluír a UTE FCC- Ingreser Atlántica do procedemento ao quedar demostrado o incumprimento dun dos criterios de adxudicación. Trátase do referido ás instalacións destinadas á execución do servizo, xa que as parcelas non estaban cualificadas como solo urbano.