Saturday 16 de November de 2024

A audición da Escola de Música abre mañá venres a programación especial de Nadal do Concello de Lousame


 

A concelleira de Cultura presentou a programación, que inclúe concerto de panxoliñas, teatro, exposicións, actividades de conciliación, cabalgata polas parroquias e festival de Reis

O Concello de Lousame ten preparada unha variada programación para estas datas de Nadal que se achegan e que inclúen música, teatro, exposición, actividades de conciliación e cabalgata de Reis. Un programa que foi presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.

As actividades darán comezo mañá venres 13 de decembro, ás 20:00 horas, coa Audición de Nadal do alumnado da escola de música de Lousame. Unha actuación que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura e na que os rapaces e rapazas aproveitarán para amosar ao público asistente as habilidades adquiridas no que vai de curso así como interpretar pezas típicas destas datas de Nadal. A entrada é libre e de balde.

O sábado 21 de decembro, ás 20:00 horas, a Igrexa de Tállara acollerá a terceira edición do Concerto de Panxoliñas de Nadal. Un evento que estará dirixido por Fernando Docampo e no que participarán tres agrupacións musicais da contorna: O Son do Pote, A Dorniña e Liceo de Noia.

O domingo 22, ás 19:00 horas, a actriz Isabel Risco achegará ao auditorio da Casa da Cultura de Lousame o seu coñecido monólogo “NABIZAGIRL”, unha divertida actuación na que representa a unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato. A entrada é totalmente gratuíta, se ben as invitacións recolleranse 30 minutos antes da función na propia Casa da Cultura. Recomendado para maiores de 12 anos.

O domingo 29, Pablo Díaz presentará “Cantamúsica”, un obradoiro de canto e xogos que ten coma finalidade a aprendizaxe de cancións infantís, xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, para o que empregamos pandeiretas, cunchas, castañolas e outras percusións menores. A actividade é de balde e está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos.

Xaneiro

E o domingo 5, a Cabalgata e Festival de Reis porán o broche de ouro á programación. Así, a Cabalgata na Carroza Real volverá percorrer as sete parroquias do concello durante a mañá, en horario de 9.30 a 13.30 horas. Comezará a súa viaxe na pista polideportiva de San Xusto (9:30 horas), dende onde a comitiva se desprazará ás pistas polideportivas de Lesende (10:00 horas) e Vilacoba (10:30 horas). O atrio da Igrexa de Fruíme será o punto de encontro nesta parroquia ás 11:30 horas, mentres que ás 12:00 horas as Súas Maxestades chegarán a Aldeagrande (Lousame). Os dous últimos puntos de encontro serán o campo da festa de San Roquiño (Tállara) e Corral de Abaixo (Camboño), ás 12:30 e 13:30 horas, respectivamente.

Xa pola tarde, o Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra acollerá o Festival de Reis, en horario de 17 a 20.00 horas. A Concellería de Cultura ten preparado un amplo programa de actividades que inclúe inchables, rocódromo, circuíto de trikets e a visita dos Reis Magos. Ademais, todos os asistentes poderán participar nunha degustación gratuíta de chocolate con churros. Para facilitar a asistencia do maior número posible de veciños e veciñas, o Concello de Lousame porá á súa disposición un servizo gratuíto de transporte.

Conciliación e exposición

Paralelamente, o Concello de Lousame ofrecerá un servizo de conciliación familiar, o Lousame Concilia, a vinte nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que participarán en obradoiros, xogos e múltiples actividades no CPI Cernadas de Castro. O programa terá lugar ao longo de nove días (23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro; e do 2, 3 e 7 de xaneiro), en horario de 9:30 a 14:30 horas.

Finalmente, a sala de exposicións de Lousame acollerá neses días a mostra “Son Agasallo-Artesanía en madeira”, unha exposición de tallas de madeira que José Manuel Riveiro recolle nas praias e na beira dos ríos para representar pezas únicas, tamén unha liña de xoias que combina os procesos de elaboración tradicionais coa orixinalidade dos deseños inspirados na natureza. O artesán estará presencialmente o 15 de decembro (en horario de 17 a 20.00 horas) na Casa da Cultura de Lousame para facer venda directa das súas creacións, así coma para explicarlle aos veciños e veciñas calquera dúbida ou cuestión relacionada coa súa obra.