Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Padrón abre as inscricións na IV Carreira Solidaria San Silvestre, que terá lugar o 31 de decembro ás 17:00 horas para recoller alimentos para as familias máis necesitadas


 

Para participar só é preciso doar un quilo dalgún alimento non perecedoiro, que se entregará ao retirar o dorsal. Este ano as prioridades son o leite e o aceite

A Concellería de Deportes do Concello de Padrón, en colaboración con Vermú Petroni e o club Atletismo Sar, organizan a cuarta edición da Carreira San Silvestre Solidaria Vermú Petroni Concello de Padrón. Unha proba que terá lugar o martes 31 de decembro, ás 17:00 horas, con saída e chegada no Campo do Souto (Praza de Abastos), e cuxas inscricións poden facerse dende hoxe e ata as 23:59 horas do domingo 29 de decembro na web: www.emesports.es.

O concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez Conde, lembra que “a proba ten un carácter solidario e o seu obxectivo é recoller alimentos para as familias máis necesitadas. Por iso, o prezo das inscricións será a doazón dun quilo dalgún alimento non perecedoiro que se entregará o mesmo día da carreira, ao retirar o dorsal”. Así mesmo, puntualiza que “unha vez consultado a Cáritas, fixéronnos saber que as necesidades prioritarias nestes momentos son o leite e o aceite, sendo por suposto ben recibidos todos os alimentos”.

Carreira

A carreira constará dunha volta neutralizada polo casco urbano e unha volta ao circuíto homologado de 5 quilómetros, con saída única para todos os participantes. Como a proba ten un carácter solidario e o que se busca é conseguir a maior participación posible, a carreira poderá completarse correndo, andando ou en bicicleta. Por iso mesmo, non haberá categorías de competición, senón que se premiará aos 4 primeiros clasificados femininos e masculinos, sempre que completen o percorrido correndo ou andando. Uns premios que consistirán en cheques solidarios que se doarán as asociacións benéficas Cáritas Padrón e Asociación Benéfica San Vicente de Paul.

A maiores haberá premios e sorteos especiais. Entre todos os adultos participantes tamén haberá un sorteo de botellas de Vermú Petroni e do novo e xenuino Bitter; así como dun estuche de Vermú Petroni entre todos os participantes que compitan disfrazados. BARALLOCAS sorteará un vale de tres horas de estadía na súa Ludoteca e haberá tamén un sorteo sorpresa para os menores que participen na proba. Finalmente, establécese o Premio Especial Petroni – Obradoiro CAB para aquel grupo entre 4-8 persoas co disfrace máis divertido. Un premio consistente na asistencia a un partido do Obradoiro en palco VIP a pé de pista.

A entrega de trofeos está prevista a partires das 18:30 horas no mesmo Campo do Souto, ao carón da Carpa Open Air. Para que a espera se faga máis amena, Open Air amenizará o evento coa súa música, e Barallocas coas súas mascotas. A organización porá a disposición dos participantes bebidas e produtos típicos destas datas. Ademais, todos os participantes menores de idade recibirán un cono de lambonadas á súa chegada á meta.