Friday 22 de November de 2024

A expedición de alpinismo Amadablam 2020 partirá desde A Coruña con material solidario para as zonas rurais das montañas de Karakorum


 

A travesía con obxectivos solidarios presentouse esta mañá no Pazo Municipal e contou co apoio da Concellería de Deportes para a súa aventura humanitaria, que servirá de preparación aos alpinistas no seu reto de escalar o Everest

Esta mañá presentouse no Pazo de María Pita a expedición Amadablam 2020 aos medios de comunicación, coa participación do concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, os alpinistas coruñeses da Agrupación de Montañeiros Independentes Félix Criado e Íñigo Gutiérrez, o alpinista Álex Txikon e o director executivo de Dronebydrone, Ander García.

Os tres montañeiros enfróntanse ao reto de ascensión ao Everest sen osíxeno en estilo alpino en inverno (Everest Winter Challenge) e como preparación para este desafío o próximo mes de xaneiro levarán a cabo a primeira escalada nacional de inverno ao Ama Dablam, un pico veciño ao propio Everest, na rexión este do Himalaia, de 6.812 metros de altura.

A expedición Amadablam 2020 ten un obxectivo solidario: os alpinistas partirán desde A Coruña cara ao Nepal nun vehículo 4X4 e cruzarán 12 países e 13.000 km durante un mes, para levar material escolar, roupa de abrigo, fornos e placas solares a zonas rurais das montañas de Karakorum. A expedición ten pensado volver en motos de época, a través da Ruta da Seda polo norte da cordilleira do Himalaia, unha vez as estradas sexan xa transitables no verán.

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, agradeceulles aos alpinistas e á Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña o seu labor humanitario e aventureiro: “Grazas por levar o nome da Coruña ao outro lado do mundo, é unha honra para a cidade e para nós poder dicir que imos viaxar con vós nestes dous grandes retos”, xa que esta viaxe por estrada contarase día a día a través das canles sociais e da prensa (La Voz de Galicia, Cadena SER, Radio Euskadi e TVG).

Sen dúbida, asegurou Borrego, trátase dunha “aventura solidaria, unha mostra máis de que a montaña une e é inclusiva”, quen tamén lembrou que hoxe é o Día Internacional das Montañas.

O vehículo 4×4 en que partirán desde A Coruña leva exposto desde as 9.00 h ata as

17.00 h de hoxe na praza de María Pita, en fronte ao Pazo Municipal.