Friday 22 de November de 2024

Eva Martínez destaca a efectividade do plan laboral convocado pola Confederación de Empresarios


A concelleira de Emprego asistiu esta mañá á entrega de diplomas ao alumnado que participou na segunda edición dun proxecto que cofinancia o Concello e que conseguiu a inserción no mercado do 60% das persoas que participaron nel o ano pasado

A concelleira de Emprego, Eva Martínez, asistiu á entrega de diplomas ao alumnado que participou no Plan Laboral da Confederación de Empresarios de A Coruña (CEC) “Key moment, a chave do teu futuro” e en que colaborou con financiamento o Concello. A edila destacou a importancia dun proxecto que deu formación e orientou a unha trintena de persoas desempregadas e que lles proporcionou as ferramentas axeitadas para se inseriren no mercado laboral.

Eva Martínez remarcou que a iniciativa abordara cuestións como a creatividade, innovación, marca persoal ou comunicación “para que o colectivo de persoas en paro non quede excluído da sociedade e volva a estar activo o máis axiña posible”. Engadiu que baixar as listaxes do paro é unha prioridade do Goberno local “nunha cidade en que se abrirán novas vías. Estamos deseñando a cidade das TIC, que será sustento tecnolóxico para moitas e moitos de vós. Queremos que o talento non marche e quede na casa, que ese talento reverta noutros postos máis técnicos e igual de necesarios, e en todo caso, queremos benestar para a cidadanía”.

Pola súa parte, o presidente da CEC, Antonio Fontenla, explicou que esta segunda edición vén precedida dunha primeira que concluíu cunha porcentaxe do 60% de inserción laboral, polo que para esta nova convocatoria estudaron o mercado e as empresas empregadoras para seleccionar a aquelas e aqueles demandantes de traballo con perfís acordes con esas necesidades. Das 154 persoas que se presentaron ao proxecto, escolleron 30 que responden ás franxas de idade de menores de 30 anos, maiores de 45 e mulleres en réxime de paro.