Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño dá de prazo ata o 31 de xaneiro para cortar árbores que “pinguen” sobre as pistas municipais


 

Desde hai uns días están xa colocados en bares e instalacións municipais exemplares do bando da alcaldía no que se insta a limpar de arborado e maleza as beiras das pistas municipais. O Concello recorda no escrito a obriga de cumprir coas distancias entre plantacións e vías públicas, tal e como se recolle na normativa da Xunta sobre prevención de incendios. Pero tamén fai un chamamento á responsabilidade veciñal para evitar que as árbores e pólas caian nas estradas por mor dos temporais. Neste sentido, desde a Administración Local dase de prazo até o 31 de xaneiro para que as persoas propietarias eliminen pola súa conta o arborado do dominio público. Pasada esa data será o propio Concello que se encargue dos traballos e, de ser o caso, trasladaralle o seu custe ás persoas titulares das parcelas afectadas.

O bando é unha comunicación xeral para as persoas propietarias de parcelas arboradas que linden con pistas municipais, coa finalidade de avanzar no cumprimento da normativa sobre prevención de incendios forestais. A lei esixe que os terreos limítrofes con pistas e estradas deben estar libres de arborado nunhas distancias que van -dependendo do tipo de vía e de especie vexetal- desde os 2 até os 10 metros do dominio público. En concreto, os eucaliptais e piñeirais deben afastarse un mínimo de 10 metros de estradas e vías de ferrocarril e alomenos 4 metros das pistas forestais. No caso de frondosas caducifolias -castiñeiros, carballos, cerdeiras, bidueiros, loureiros…- a obriga de separación é de 4 metros con respecto a estradas e de 2 metros se están á beira de pistas forestais.

Porén, ademais do lume, tamén son un problema os temporais. Na extensa rede viaria municipal hai puntos con árbores podres ou tortas que ameazan con caer sobre a calzada e tamén hai sitios onde as pólas medraron tanto que os buses e camións xa tocan nelas.

As borrascas encadeadas das últimas semanas obrigaron á área de Servizos a mover xente e medios para limpar as estradas de árbores caídas e ramallada, algo que se podería evitar se todas e todos cumprísemos coa lei autonómica en canto ás distancias entre os montes e as pistas.

Por iso o Concello dá de prazo ata o 31 de xaneiro para que as persoas propietarias de terras ao carón das pistas eliminen pola súa conta todas as árbores que poden poñer en perigo a seguridade do tráfico. Unha vez superado ese prazo voluntario, será o propio Concello quen se ocupe de cortar as árbores que estean dentro do dominio público e, se for o caso, trasladaralle o custe dos traballos a quen sexa titular da parcela.