Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente concede 270.000 euros en axudas a proxectos municipais para a posta en valor das seis Reservas da Biosfera


Este foi o primeiro ano que se convocou unha orde de subvencións dirixida a entidades locais pertencentes a algunha das seis reservas da biosfera que hai en Galicia co fin de contribuír a potenciar e poñer en valor estes espazos naturais
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a resolución cos 16 concellos beneficiarios da orde de axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. En total, concedéronse 270.173,83 euros en subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Cómpre subliñar que este foi o primeiro ano que a Xunta puxo a disposición dos concellos localizados nalgunha das seis reservas da biosfera da comunidade unha liña de subvencións específica dirixida a potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais. E de cara ao vindeiro exercicio, os orzamentos da Consellería volven contemplar unha partida co mesmo fin, polo que haberá unha nova convocatoria dirixida a colaborar cos concellos na potenciación destas zonas.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e está cofinanciada con fondos europeos. A finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun contrastado valor, como as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

A convocatoria se fixo aberta aos 64 concellos incluídos no ámbito territorial das seis reservas da biosfera que existen en Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Cómpre lembrar, en todo caso, que a Xunta aspira a ampliar a sete o seu número de reservas da biosfera, un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio. Así, ten xa moi avanzada a tramitación para poder presentar oficialmente este mesmo ano ante a Unesco a candidatura da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel a reserva da biosfera.

Coa futura incorporación deste espazo, a superficie amparada baixo algún tipo de figura de protección representará o 42% do territorio galego, de aí a importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.