Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia mellora o abastecemento de auga no lugar de Couto de Arriba


 

O Concello de Noia está a mellorar o abastecemento de auga no lugar de Couto de Arriba, unhas obras nas que inviste 16.146,24 euros e que estarán rematadas esta mesma semana. “Trátase dunha mellora do subministro municipal de auga aos veciños do Couto e que, sumada ás actuacións anteriores realizadas no cruce da República Arxentina coa rúa Colombia, permite que consigamos un circuíto pechado na rede, o cal era moi necesario nesta zona”, explica o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón.

As obras consisten no corte do pavimento do aglomerado asfáltico con serra e a colocación de douscentos metros de tuberías, de 110 e 90 mm de diámetro, para a rede de abastecemento. Para rematar, mellorarase a capa de rodadura da zona mediante pavimento asfáltico en quente de 5 centímetros de espesor.

Estas obras de abastecemento de auga no lugar do Couto suporán unha mellora significativa para completar a rede municipal e poder mellorar o funcionamento da mesma. Martín Fernández Godón sinala que “este novo entubado, unido ás chaves instaladas nos cruces entre a rúa República Arxentina coas rúas Colombia e Cereixeiras, nos permitirán independizar a zona en tramos, permitindo así actuar de forma máis efectiva á hora de regular os cortes de subministro”.