Friday 22 de November de 2024

O Goberno local avanza na liña de ferrocarril A Coruña-Ferrol nunha comisión do Eixo Atlántico


 

O concelleiro de Infraestruturas, Juan Manuel Díaz Villoslada, amosou a súa satisfacción por traballar neste proxecto e no que unirá a cidade con Lugo e que se presentará o venres xa que o tren de curta distancia é unha prioridade para este Goberno local

O concelleiro de Infraestruturas, Juan Manuel Díaz Villoslada, asistiu hoxe en Lugo a unha comisión executiva organizada polo Eixo Atlántico, na que se avanzou no proxecto da liña de ferrocarril A Coruña-Lugo, e no informe dunha segunda conexión entre A Coruña e Ferrol, que estará listo na vindeira primavera.

O edil amosou a súa satisfacción porque tal e como adiantou no seu momento, o tren de curta distancia é unha das grandes apostas deste goberno de cara a conectar os centros das urbes e o territorio metropolitano do golfo ártabro.

A concellería impulsará así un ferrocarril eficaz tanto para os viaxeiros e as viaxeiras como para transportar mercadorías xa que “é prioritario que este corredor sirva de nexo entre os portos exteriores da Coruña e Ferrol con Lugo e o resto da península. Por outra parte, o plan para mellorar as comunicacións entre A Coruña e Lugo presentarase este venres, nun acto ao que asistirán membros do Concello e no que se especificará máis polo miúdo as características do novo servizo entre as capitais do norte de Galicia, “unha cuestión que para nós é imprescindible”, engadiu Villoslada.