Un Papa Noel percorre a zona nova da cidade agasallando doces
A Fundación Santiago Centro segue adiante coa súa campaña de Nadal “As túas compras dan luz”, que conxuga solidariedade e comercio nos seus establecementos asociados da zona nova de Compostela.
As túas compras dan luz é unha campaña de “ida e volta”, unha campaña con premios pero tamén con corazón. Nela o público participa a través da compra de rifas de 1 euro, do que unha parte vai destinada á Cociña Económica de Santiago e a outra parte repercute no consumidor a través do sorteo de agasallos.
Entre os premios están tres soldos anuais de 100, 75 e 50 euros mensuais, respectivamente, que poderán ser gastados nos establecementos participantes; tamén hai agasallos aportados por Paradores, Quinta da Auga SPA ou Pazo Vista Alegre.
Ademais, un precioso vehículo vintage percorre as rúas do centro da cidade algunhas datas destas Festas, con Papa Noel agasallando caramelos.
A campaña “As túas compras dan luz” continuará nos comercios da zona nova de Santiago ata Reis. Organizada pola Fundación Santiago Centro, conta co apoio da Consellería de Economía e Industria e de Abanca.