Friday 22 de November de 2024

Moito que facer en Moeche durante as próximas festas


 

Xa veñen aí o Nadal, Aninovo e Reis, e o Concello de Moeche programou unha chea de actividades que animarán unhas festas ben cumpridas de citas familiares. O calendario de propostas arranca o sábado 21 cun Mercado especial de Nadal no que atoparmos de todo, da máxima calidade e a bos prezos. Seguirá con tres días de deporte e xogos para a rapazada e culminará o sábado 4 de xaneiro coa tradicional chegada anticipada dos Magos de Oriente, que sempre pasan por Moeche antes que por outros lados. Ademais, todo o calendario municipal compleméntase con outras propostas veciñais. Vexamos o que hai.

O Nadal é, de sempre, tempo no que máis se gasta en agasallos e alimentación. En quince días condénsanse a Noiteboa, o 25 de decembro, Ano vello, Reis… un non parar entre compras de última hora e xantares e ceas que cómpre aprovisionar nalgures de peixes, mariscos, carnes, sobremesas e mesmo detalles para engalanar as casas. E para todo iso temos oferta surtida no Mercado de Moeche, que o 21 de decembro celebrará unha edición especial de Nadal na que atopar aínda máis variedade e cantidade e, ademais, unha programación para todas as idades que chegará até a noitiña.

O cometido do mercado é vender. Vender produto de boa calidade, próximo e a prezos competitivos. E, como vén sendo habitual, alí atoparemos de todo: peixe -incluídas encargas-, froita, pan, empanadas, biscoitos, embutidos, carnes, etc., pero tamén postos de artesanía, coiro, madeira, bixutaría, téxtil, cestaría, flores, agasallos, xabóns… aos que, por ser Nadal, se lles suman larpeiradas propias desta época -chocolates, troncos doces, turróns, mazapáns…- e mesmo un expositor especial da ANPA do CEIP San Ramón con xoguetes de 2ª man en perfecto estado e moi baratiños. Tamén asistirá a Asociación de Amigos da Madeira das Pontes, que mostrará ao vivo o traballo de dous dos seus torneiros.

En total, entre uns postos e outros, agárdase a presenza duns 25 expositores, incluída a apertura da polbeira e un punto onde mercar churros ben quentiños. Ademais, na entrada tamén teremos un paxe para recoller as cartas dirixidas aos Reis Magos de Oriente.

Pero, se algo diferenza este mercado do Nadal dos do resto do ano é a programación paralela que preparou a área de Desenvolvemento local co obxectivo de animar a cita. Apuntade para non perder nada:

11.30h. Showcooking no que veremos o proceso de preparación dun entrante e un primeiro prato con produtos dispoñibles no mercado.
13.00h. Actuación de baile e música do grupo tradicional do Padroado da Cultura de Narón, ao que están convocadas un total de 30 persoas entre bailadoras e bailadores, cantareiras e intérpretes á gaita e a percusión
14.00h. Sorteo de tres lotes de produtos entre todas as persoas que fagan algunha compra no mercado
16.30h. Obradoiro de globoflexia para a rapazada e espectáculo de maxia para toda a familia a cargo de Elisa e Ian de “2 Minds Combined” www.sombrasmaxicas.com
18.00h. Sorteo dunha cesta de Nadal chea de cousas para a cativería

Deporte infantil
Para os días de vacacións que hai entre o Nadal e Aninovo, o Concello tamén organizou un programa completo de actividade deportiva para participar, preferentemente, en familia. Desenvolverase en horario de mañá e os días máis movidos serán o mércores 26 e o xoves 27 de decembro no pavillón municipal con patinaxe e xogos tradicionais respectivamente. O luns 30 no local social de Abade a cousa vai de ximnasia posicional, xa que se fará un adestramento introdutorio ao método pilates. Á rapazada proporánselle exercicios moi doados centrados no desenvolvemento psicomotriz.

Data

Deporte

Lugar

Idades

Horarios

Xoves 26 de decembro

Iniciación á patinaxe e xogos

Pavillón Municipal

3-15 anos

11 a 13.00h.

Venres 27 de decembro

Xogos e deportes tradicionais

Pavillón Municipal

Luns 30 de decembro

Pilates e xogos infantís

Local social de Abade

O prezo do programa son 3€ e é necesario apuntarse o 20 de decembro como moi tarde no 981 404 006, no correo daniel.feijoo@moeche.gal ou ben presencialmente na oficina do departamento de Deportes.

Os Reis veñen o sábado 4
Os Reis Magos levan varios anos chegando a Moeche moito antes que a calquera outro concello da comarca. Iso ten como vantaxe que a rapazada escusa andar apurada na noitiña do 5 tentando achegarse a eles para recordarlles o que xa lles escribiron nas cartas. É máis: que Melchor, Gaspar e Baltasar pasen primeiro por aquí significa que as nenas e nenos os terán para si un bo pedazo, de maneira que a atención personalizada por parte das SS.MM. estará totalmente garantida.

O Concello organizará en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón a festa de benvida que merecen estes persoeiros. Os Magos de Oriente chegarán á nave do mercado sobre as 19.00h., pero no lugar xa haberá moito rebumbio desde as 16.30h., momento en que comezarán todas as actividades coas que ir animando o ambiente: música, un obradoiro de maquillaxe, unha tirafonda xigante para apuntarlle a bonecos de neve, inchables, etc. Para correr o frío haberá calefactores e tamén un saboroso chocolate con churros que se servirá de balde a iso das 19.30h.

Ao día seguinte a cativería de Moeche poderá ir a calquera outra cabalgata coa tranquilidade de ter xa virado un dos choios máis importantes do ano.

Actividade veciñal
Alén das propostas organizadas polo Concello, as asociacións veciñais de Labacengos e Val de Moeche tamén programaron as súas. A primeira á que debemos referirnos por proximidade é xa para este sábado 14 de decembro, cando a veciñanza de Labacengos irá de excursión a Portugal e a Vigo. Pola mañá haberá visita libre ao mercadiño de Vilanova de Cerveira, logo xantarase un menú típico -arroz caldoso de marisco, bacallau, sobremesa, pan, bebida e café- e, xa pola tarde emprenderase a volta facendo parada en Vigo para dar unha volta polo centro e ver a afamada iluminación do Nadal instalada na cidade.

O prezo da viaxe son 35€ para persoas socias e 40€ para non socias. As prazas son limitadas e cómpre apuntarse o antes posible no teléfono 606 729 038.

Por outra banda,a AVV Val de Moeche organiza un curso de doces e de menús do Nadal impartido Tamara Iglesias, responsable da Tapería Plaza, en Mugardos, auténtico templo dos petiscos elaborados con materia prima da máxima calidade e cunha presentación espectacular. Con ela veremos preparacións sinxelas, saborosas e que quedarán certamente lucidas nas mesas destas festas. O curso terá lugar no local social do Pereiro os días 16 e 17 de decembro entre as 18 e as 20.00h.

A actividade culinaria no Pereiro non parará aí, xa que o 20 de xaneiro arrancará un curso de cociña que se desenvolverá todos os luns de 18 a 20.00h. O prezo da participación son 20 euros mensuais para persoas socias e 25 euros/mes para non socias.

As inscricións en calquera destas dúas propostas hai que facelas chamando ao 622 916 160.