O Concello quere renderlle así unha homenaxe ao traballador do IMCE, que se dedicou durante anos a organizar as festas da cidade e que faleceu o pasado mes de abril aos 46 anos
O Belén municipal incorporará este ano unha nova figuriña dedicada a Fernando Amaro Barreiro, coordinador de festas do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) durante anos e que faleceu o pasado mes de abril aos 46 anos. Coñecido entre os seus como “Cantero”, o traballador municipal foi un gran impulsor do Entroido coruñés e formaba parte da comparsa Monte Alto a 100. Tamén se encargou da organización do Encontro de Amigos de Monte Alto, ademais de ser un gran defensor das festas de San Xoan. O Concello quere renderlle así unha pequena homenaxe este ano cunha réplica en miniatura da súa figura, que se sumará ás preto de 250 que conforman o belén. A súa inauguración será o día 13, ás 19.00 horas, nun acto en que o coro Cantabile
ofrecerá un pequeno repertorio.
O Belén Municipal ocupará un espazo de 100 metros cadrados na sala de exposicións do Pazo Municipal de María Pita e as pezas orixinais foron realizadas polo taller Gárgola. Parte delas son personaxes históricos relacionados coa cidade como Breogán, María Pita, Pablo Picasso, María Casares, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Arsenio Iglesias, Mauro Silva, Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane ou o doutor Vázquez Iglesias, entre outros.