A iniciativa, enmarcada no programa LEWO, conta con diferentes accións medioambientais na Praia da Abeleira e na Costa de Dexo
A Consellería de Política Social organiza unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Un grupo de voluntarias e voluntarias participan nesta actividade posta en marcha ao abeiro da campaña de promoción da acción voluntaria que organizou esta semana a Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se celebrou o pasado 5 de decembro.
Desta maneira, esta iniciativa en terras coruñesas enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes zonas da comunidade de gran valor natural. En concreto, os participantes realizarán desde onte, día 6, e ata o domingo, día 8, diferentes actividades medioambientais en lugares como a Praia da Abeleira ou a Costa de Dexo.
Así mesmo, poranse en marcha diferentes dinámicas de convivencia no Albergue de Gandarío, onde as voluntarias e voluntarios se hospedarán durante os tres días que dura esta iniciativa. Por suposto, neste tempo contarán con manutención e transporte gratuíto.
Outras actividades pola semana do voluntariado
Nesta primeira semana de decembro estase a celebrar a Semana do Voluntariado, polo que a Xunta de Galicia programou unha acción voluntaria para cada día, vinculada a un ámbito concreto.
Así, dentro do voluntariado social, o luns día 2 entregaronse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias. A nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaronse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expuxo o mércores 4 todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario. O propio día 5 tivo lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela.
Ademais, durante dúas semanas un autobús percorreu as sete cidades e as principais vilas galegas achegando información sobre os programas que desenvolve o Goberno galego nesta materia. Baixo o lema Engánchate ao voluntariado, este autobús tamén puxo á disposición dos interesados material vinculado a esta campaña para favorecer a captación de máis persoas voluntarias.