Friday 22 de November de 2024

Economía e Industria inviste no concello de Oleiros preto de 117.000 euros na mellora do Polígono Empresarial de Icaria


A través deste proxecto, acometeuse a renovación da capa de rodadura e a reordenación da sinalización nas vías do parque, que alberga 120 empresas

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Oleiros para supervisar o resultado dos traballos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no polígono de Icaria, que supuxeron un investimento de 116.877 euros, é dicir, o 80% do custe total.

A actuación cofinanciada entre as administracións autonómica e municipal consistiu, por unha banda, na renovación da capa de rodadura das vías en peores condicións de conservación e na reordenación da sinalización viaria, por outra. Así, actuouse sobre as rúas Afrodita, Helios, Ícaro, O Sendeiro, Eolo, Poseidón, Atenea e Zeus, nas que, dependendo das necesidades detectadas en cada caso, acometeuse o fresado do pavimento e o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente. No que respecta á sinalización, contempláronse actuacións para reordenar a circulación de automóbiles nos accesos e no interior do polígono, coa instalación de sinais verticais e o pintado doutras horizontais, creando novas zonas de estacionamento, implantando dúas zonas de carga e descarga de mercadorías e regulando os sentidos de circulación da rúas. Ademais, pintáronse diversos pasos de peóns.

Do Campo indicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que no caso do de Icaria, en Oleiros, concentra 120 empresas. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiáronse este ano destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa ten consignados 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou a delegada territorial. As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.