O luns 9 de decembro abrirase o prazo de inscrición para aqueles nenos e nenas, de entre 5 e 12 anos, que queiran participar como paxes na Cabalgata de Reis
As concellerías de Comercio e Eventos do Concello de Noia veñen de iniciar a instalación dunha nova decoración de Nadal polas rúas do casco histórico que acompañará ao tradicional alumeado, que estará listo nos próximos días. A concelleira de Comercio, Mariola López, explica que “queríamos darlle un toque diferente ás nosas preciosas rúas, polo que escollemos estes motivos de Nadal que agardamos que guste á veciñanza, se ben somos conscientes de que nunca se pode agradar a todo o mundo”.
A instalación destes elementos decorativos comezou pola praza da Constitución, Porta da Vila, rúa Cantón… “continuaremos tamén instalando algunha decoración máis en lugares como a Praza do Tapal e, unha vez rematada a instalación do alumeado, procederemos ao acendido en conxunto nos próximos días”, adianta López Cierto.
Cabalgata
Por outra banda, a concelleira de Eventos, Beatriz Rosende Paz, informa de que o próximo luns 9 de decembro se abrirán as inscricións para participar como paxe na Cabalgata de Reis do vindeiro 5 de xaneiro. “Poderán participar nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, sempre que as súas familias os inscriban na primeira planta da casa consistorial. Compre lembrar que o número de prazas é limitado, polo que a admisión realizarase por orde de inscrición”, explica Beatriz Rosende.