Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño amplía a todas as parroquias a recollida de aceites domésticos


A iniciativa encádrase nun proxecto que obtivo financiamento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (actual Ministerio para a Transición ecolóxica)
A área de Servizos de San Sadurniño acaba de instalar novos colectores especiais para a recollida de aceite doméstico usado. En total distribuíronse polas parroquias dez novos depósitos onde deberemos botar unicamente aceite de fritir ou o que nos sobra das latas de conservas, nunca aceites industriais ou de motor. Con este equipamento -subvencionado Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente- amplíase o Plan municipal de recollida e tratamento de aceites usados que xa se viña desenvolvendo en San Sadurniño e no colexio público coa importante colaboración do alumnado.

O aceite usado é un residuo que contamina os cursos fluviais e causa problemas e gastos nas depuradoras. Calcúlase que no Estado se producen 7 litros de aceite por persoa ao ano, polo que en San Sadurniño poden ser máis de 20.000 litros anuais. Esta é a principal razón para facer unha recollida selectiva e evitar así que o aceite chegue aos nosos ríos. Ademais, o aceite de fritir é un recurso que se pode converter en biocombustible, de maneira que ao recollelo e reciclalo se lle dá un novo uso e mesmo poden xerarse ingresos.

O CPI de San Sadurniño leva anos recollendo o aceite usado que os rapaces e rapazas traen das súas casas. O alumnado é quen o xestiona e mesmo lles serve para facer prácticas e experimentos. Agora o Concello quere ampliar o ámbito de actuación e facilitar que aquela poboación que non ten fillos ou fillas en idade escolar poida xestionar correctamente os seus aceites domésticos.

Por este motivo, nos últimos días estivéronse instalando unha decena de colectores metálicos dunha rechamante cor laranxa repartidos por distintos puntos do territorio: un ao pé do local social da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte; outro no local da Bañoca, en Bardaos; dous en Lamas -no Chao e no Camiño Arriba-; dous máis en Ferreira situados na Seara e na Chabola; dous en Igrexafeita que irán colocados no Camiño Grande e no local social da Torre e, os dous últimos, que quedaron en Naraío, un no Piñeiro e o outro ao pé da cooperativa.

Na parroquia de San Sadurniño non se colocou ningún novo colector, debido a que xa existen tres: en Marqués de Figueroa -fronte do supermercado da cooperativa-, no Outeiro -diante de Pascual- e tamén nos colectores do lixo de Cornide.

O aceite debe depositarse en botellas ben pechadas -o ideal son os envases orixinais- e é moi importante ter en conta que só se recolle aceite vexetal de uso doméstico e que, polo tanto, está prohibido botar aceite de motores, valvulinas e aceites industriais. O aceite será recollido e entregado a un xestor autorizado, que se encargará da súa reciclaxe e valorización.

Este equipamento supuxo un investimento de 8.000 euros sufragados cunha subvención do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.