Os sete municipios que integran o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal acolleron nos últimos días cadansúa charla sobre en que consiste a iniciativa e cales son os beneficios -e tamén compromisos- que pode supoñer para o territorio o contar con este distintivo da UNESCO. As sesións están orientadas ao coñecemento e á implicación da veciñanza no proxecto e céntranse nunha descrición detallada de que é un xeoparque, de que maneira pode tirar polo desenvolvemento sustentable partindo de catro eixos básicos: a posta en valor de recursos xeolóxicos únicos e con relevancia internacional, a divulgación, a investigación e o turismo. E todo iso armado sobre un plan estratéxico e de xestión que a UNESCO revisa cada catro anos despois de conceder o selo. Porén, antes de chegar a ese punto é necesario obter o recoñecemento, e para iso cómpre seguir unha serie de pasos que tardan en darse alomenos dous anos, a maiores dos que xa se foron dando desde que en 2015 os concellos empezaron a traballar xuntos. Neste sentido, e segundo se está adiantando nas charlas itinerantes, os sete municipios impulsores agardan telo todo listo para iniciar a tramitación oficial do certificado dentro de escasos catro meses.
Os máis de 600 Km² que abranguen os municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño contan con recursos xeolóxicos de sobras para entrar no selecto clube da Rede Global de Xeoparques. Nestes momentos hai catalogados 52 lugares de interese xeolóxico polas súas peculiariedades e xa se catalogaron outros 56 máis. Tamén hai cinco Global Geosites -e outros catro propostos- que son aqueles lugares de grande interese científico e únicos no mundo para comprender como evolucionou o planeta durante millóns de anos.
A principal peculiariedade deste territorio reside en que no Complexo do Cabo Ortegal poden verse en superficie tipos de rochas que habitualmente están no manto terrestre, a máis de 70 Km. de profundidade. Pero hai máis: praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, espeleotemas formados pola precipitación de óxidos de cobre, os cantís máis altos da Europa continental, grandes masas graníticas, fallas, montes-illa, etc.
Porén, un xeoparque non só comprende patrimonio xeolóxico, senón que tamén fan falla unha estratexia de posta en valor e un plan de xestión unificado para todo o territorio que se aplique de maneira sostida no tempo e que, ademais, estea relacionado con outros aspectos, como son a divulgación -social, educactiva e científica-, a natureza, o patrimonio material e inmaterial e o turismo, co obxectivo de xerar un desenvolvemento socioeconómico sustentable. Dentro da posta en valor sinálase como prioritaria a conservación da base xeolóxica do proxecto, aínda que non como algo restritivo -os xeoparques non regulan o uso do chan- senón como compromiso de dar a coñecer e potenciar un conxunto de recursos únicos que permiten entender un ou máis capítulos da historia da Terra.
Os sete concellos comezaron a traballar conxuntamente a finais de 2015, continuando un traballo iniciado tempo antes pola Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal, a primeira entidade que promoveu o coñecemento social da riqueza xeolóxica da zona, nomeadamente a da costa cedeiresa e ortegana. Desde aquela foron dándose pasos para levar a cabo medidas coordinadas que pasaron pola obtención de finanzamento da Deputación da Coruña, a creación dunha marca -co lema “Unha viaxe ao interior da Terra”-, a asistencia a foros relacionados cos xeoparques e a organización de xeorrutas e eventos -coma as charlas destes días- que fomenten tanto a participación social no proxecto como o seu posicionamento estatal e internacional de cara á presentación da candidatura. O último avance é a aprobación dos estatutos dunha asociación de municipios que lle dea entidade administrativa e unha estrutura mínima ao proxecto.
O próximo fito do cronograma emprendido hai catro anos é solicitar oficialmente en 2020 o recoñecemento como Xeoparque. Un proceso que durará alomenos dous anos e que arranca co envío ao Comité Nacional Español de Xeoparques dunha manifestación previa mostrando o interese en obter o distintivo, algo que ten que facerse antes do 1 de abril de 2020 e que debe levar como aval unha carta de apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta.
Deseguido, e antes do 1 de xuño, ten que iniciarse a exposición pública da proposta de creación do xeoparque mundial da UNESCO e remitir a documentación completa do proxecto. Do 1 de xuño ao 31 de xullo o comité analizará a proposta e emitirá o seu informe -favorable ou non- que lle será trasladado á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO. Nese tempo poden requirirse subsanacións da documentación ou do argumentario que, en todo caso, han estar incorporadas ao expediente antes de que acabe setembro.
Entre o 1 de outubro e o 30 de novembro saberase se a delegación de cooperación coa UNESCO apoia ou non o proxecto. Se o seu veredicto é favorable -este filtro só o poden pasar dúas candidaturas por ano- enviaralle a correspondente carta ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, o organismo que ten a última palabra na asignación do selo.
Xa ao ano seguinte -2021- o Programa avaliará máis detalladamente a candidatura e enviará a partir do 1 de maio unha misión de inspección sobre o terreo que mira tanto a aplicación práctica da estratexia definida do proxecto como o grao de implicación do territorio no seu desenvolvemento. A inspección da UNESCO é tan esixente e exhaustiva que mesmo chega a facer entrevistas aleatorias para anotar ata que punto a xente da zona sabe de que vai a iniciativa. De cumprirse os prazos previstos, o resultado da avaliación debaterase no Consello de Xeoparques Mundiais en setembro de 2021, de onde sairá a proposta que deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da UNESCO e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU.
A obtención do distintivo é só un primeiro paso, xa que despois o Xeoparque terá que ser capaz de mantelo levando adiante as súas estratexias en cada un dos eixos e traballando en rede co resto de xeoparques mundiais. Ademais, a propia UNESCO fai avaliacións cada catro anos conforme o plan de acción se está cumprindo e implementando con novas medidas.
Tal e como se explicou na charla ofrecida este martes á tarde na Casa da Xuventude, nestes momentos existen no mundo 140 xeoparques distribuídos por 41 países. No Estado Español hai 14 zonas acreditadas e a última en obter o distintivo foi a das Montañas do Courel o pasado mes de maio.
Os concellos da área do Cabo Ortegal teñen agora por diante catro intensos meses de traballo para poñer a punto a candidatura. O labor técnico de base está practicamente listo e desde aquí ata abril farase un maior esforzo no ámbito da comunicación e do coñecemento da iniciativa.