Beatriz Domínguez lémbralle ao PP que “a veciñanza quixo que estean en minoría, polo que non poden gobernar en solitario senón que teñen que buscar acordos cos grupos da oposición”
O Pleno Ordinario do Concello de Frades, celebrado o pasado venres, volveu deixar claro a situación de minoría do grupo de Goberno do PP, que non foi quen de aprobar ningún dos puntos da orde do día, coa excepción da acta da sesión anterior. Os tres grupos da oposición (PSOE, Somos Trazo e BNG) votaron en contra das propostas presentadas pola Alcaldía sen buscar ningún tipo de acordo coa oposición.
A voceira dos socialistas de Trazo, Beatriz Domínguez, lémbralle ao PP que “a veciñanza quixo que estean en minoría, polo que xa non poden gobernar e tomar as decisións en solitario senón que teñen que buscar acordos cos grupos da oposición”. Así, os tres grupos votaron en contra da composición da mesa de contratación para os contratos adxudicados polo Pleno Municipal proposta pola Alcaldía. “Foi unha proposta do PP sen contar con ninguén”, lembra Domínguez Siaba, “pero é que ademais situaban de vogal desa comisión a unha empresa externa, cando a lei di que debería ser un funcionario/a”.
En relación con isto, os socialistas presentaron un rogo no que piden igualdade de oportunidades para todas as empresas de Trazo á hora de contratar co Concello, especialmente en materia de escavacións, construcións, talleres e gasolineiras.
Sentenza xudicial
Tamén foi rexeitada a proposta do PP de inadmitir a reclamación presentada polo PSOE de Trazo contra a aprobación inicial do Orzamento para o exercicio 2018. Unha proposta coa que o Grupo de Goberno quería dar cumprimento á sentenza en firme do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña que declara ilegal a aprobación dos orzamentos de 2018 e ditamina que o ex alcalde de Trazo, José Dafonte, actuou de forma irregular ao rexeitar o recurso presentado polo PSOE cando esa competencia é única e exclusivamente do Pleno municipal”.
Beatriz Domínguez explicou que, de acordo coa sentenza, “a resolución da Alcaldía foi declarada nula de pleno dereito, o que comporta unha eliminación radical do acto, levado até o extremo de considerar que nin sequera chegaron a existir os actos posteriores. É dicir, dende o punto de vista legal, os orzamentos de Trazo de 2018 nunca foron aprobados, nin existiron”, polo que esixiu ao Grupo de Goberno a dar verdadeiro cumprimento á sentenza.
Mocións
As que si saíron adiante co apoio dos tres grupos da oposición foron as dúas mocións presentadas a Pleno polo BNG. Así, o Concello de Trazo instará á Consellería de Educación a proceder, á maior brevidade, á construción dunha pasarela no CPI Viaño Pequeno que conecte o pavillón infantil co pavillón central, onde está o comedor. “Nos días de fortes choivas, os nenos e nenas acaban mollados ao teren que cruzar dun pavillón a outro na hora do xantar, quedando coa roupa húmida até a súa volta a casa”, explicou César Boquete, voceiro do BNG. Pola súa banda, os socialistas solicitaron un novo equipo de son para o colexio, así como un maior esforzo nos traballos de mantemento tanto do colexio como do instituto, que presenta humidades nas paredes e escaleiras oxidadas.
Tamén se aprobou unha moción presentada pola plataforma social Vía Galega, a través do BNG, para instar ao Parlamento de Galicia a que considera a emigración como un drama social e nacional, outorgándolle así prioridade nas políticas que aseguren un traballo digo e creen as condicións para favorecer o retorno das persoas emigradas.