Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez fixa o Xacobeo 21 como “gran motor de cambio” para a modernización e profesionalización do sector turístico


O conselleiro de Cultura e Turismo clausurou a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixou o Xacobeo 21 como “gran panca de cambio” para a modernización e profesionalización do sector turístico galego. Na súa intervención durante a primeira edición dos Premios Galicia de Turismo celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, asegurou que a celebración do vindeiro Ano Santo debe servir para que esta industria saia “máis fortalecida, máis profesionalizada, cunha oferta de maior calidade e máis competitiva”.

O responsable de Cultura e Turismo aproveitou o seu discurso para felicitar as persoas e empresas galardoadas e celebrou a posta en marcha desta iniciativa, impulsada polo Goberno galego colaboración co Clúster Turismo de Galicia. Neste sentido, cualificou esta gala como a “gran posta de largo do sector” e sinalou que todos os premiados son “un exemplo do modelo turístico galego”, baseado na calidade e a sustentabilidade.

Nesta primeira edición, os premios recoñeceron á cantante Luz Casal e ao o embaixador de Corea en España, Hong-jo Chun, nas categorías de Embaixador Nacional e Embaixador Internacional pola súa contribución á promoción de Galicia desde o eido cultural, no primeiro dos casos, e polo seu papel na difusión do fenómeno do Camiño de Santiago fóra das nosas fronteiras, no segundo. Na categoría de Pioneiro recoñeceuse aos irmáns Vilas, impulsores do restaurante Casa Vilas.

Os premios recoñeceron, ademais, a restauración do Pórtico da Gloria na categoría de Patrimonio, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial no apartado de Promoción turística, a axencia Pilgrim Travel na categoría de Vangarda, o festival Resurrection Fest como Mellor evento ou a asociación o Camiño dos Faros no apartado de Turismo Sustentable. Por último, premiouse tamén á vila de Ribadavia como mellor Escenario de Galicia nunha votación online aberta ao público entre máis dunha vintena de fotografías de distintos destinos turísticos galegos.

Axudas por preto de sete millóns
Román Rodríguez salientou a relevancia dos proxectos e persoas premiadas e destacou a súa contribución á boa marcha do turismo da Comunidade. Así mesmo, destacou as potencialidades do modelo turístico galego, que aposta pola desestacionalización da demanda turística, permitindo atraer visitantes durante todas as épocas do ano, e pola descentralización de fluxos, estendendo o impacto desta industria a todos os concellos. Lembrou que, grazas a esta folla de ruta, Galicia é a Comunidade que lidera este ano o crecemento turístico en toda España, ata o punto de que, de manterse a evolución actual, pechará o ano superando a barreira dos cinco millóns de visitantes e acadando os mellores datos turísticos da súa historia.

O conselleiro de Cultura e Turismo aproveitou tamén para poñer en valor o crecente peso do turismo galego, que supón o 10% do noso Produto Interior Bruto e o 11% de todo o emprego xerado. Neste sentido, apuntou ao próximo Xacobeo 21 como unha “oportunidade” para seguir impulsando a influencia deste sector na Comunidade baixo os parámetros da calidade e a excelencia. Recordou que, para avanzar nesta liña, a Xunta puxo en marcha nas últimas semanas catro liñas de axudas por preto de sete millóns de euros que permitirá preparar ao sector da nosa Comunidade para o próximo Ano Santo desde diferentes eidos.

Ademais, lembrou a posta en marcha de iniciativas como Elixe Galicia, dotada con 1,6 millóns de euros para fomentar o turismo interno, ou a estratexia Galicia Sabe, presentada onte, e que inclúe unha batería de iniciativas para impulsar Galicia como destino enogastronómico de referencia a nivel nacional e internacional.