Thursday 21 de November de 2024

Borrego resalta o nivel “altísimo” dos e das deportistas coruñesas


 

O concelleiro falou do difícil que resultou elixir como membro do xurado as e os finalistas da Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca, que terá lugar mañá as 20.30 horas no Centro Ágora

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá a segunda edición da Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca, que terá lugar mañá, ás 20.30 horas no Centro Ágora, e na que se recoñecerán as e os deportistas do momento xunto á traxectoria dun en especial, como é a do ex xogador e adestrador Arsenio Iglesias.

O edil sinalou que a cita poñerá en valor as persoas gañadoras e servirá tamén como escaparate “desa ferramenta tan potente que temos como é o deporte coruñés”. Engadiu que o feito de estaren entre as e os tres finalistas significa moito xa que non só se premia o éxito, senón todo o traballo e o sacrificio que hai detrás, toda a base “desde que empeza de pequena ou pequeno ata que chega a conseguir coas súas facultades e a golpe de adestramento o éxito”. Por iso, Borrego afirmou que as votacións foron moi difíciles xa que “temos unha cantidade de deportistas con logros impresionantes, cunha traxectoria fantástica e un futuro prometedor e valorar quen ocupa o primeiro lugar e quen o segundo custa moito porque o nivel é altísimo”.