Friday 22 de November de 2024

Ordes remata as actuacións previstas para acadar a homologación do Roteiro do Río Mercurín de 7,3 qm.


 

Rematadas todas as actuacións do proxecto “Creación e homologación do roteiro de sendeirismo do Río Mercurín” nas que o Concello de Ordes investiu 90.086,81 euros, dos que 50.736,89 euros proceden da axuda subvencionada de ASDECOMOR (Leader) dentro do programa de desenvolvemento rural 2014-2020.

O Concello de Ordes rematou a finais do mes de novembro as actuacións do proxecto denominado “Creación e homologación do roteiro de sendeirismo do Río Mercurín” nas que se investiron mais de 90.000 euros con unha financiación do 56,32% por parte das axudas Leader (distribuídas por ASDECOMOR) dentro do programa de desenvolvemento rural 2014-2020, dependentes da Consellería de Medio Rural.

Características do roteiro.
A ruta con unha lonxitude de 7,3 qms. comeza no paseo fluvial Ramiro Recouso, e con un percorrido circular remata no mesmo punto. O tempo medio para o recorrido é de 2,50 horas. A homologación do sendeiro, vira abalada en breve pola Federación Galega de Montañismo, que xa outorgou un número provisional PR-G 243 ao estudio previo; logo de que se efectúe a comprobación, idoneidade e cumprimento da normativa que permita formar parte do rexistro autonómico e estatal, dando difusión a continuación en todas as guías oficiais e publicacións especializadas por cumprir coa normativa e regulamentos da FEDME (Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada).

Actuacións do proxecto no paseo Ramiro Recouso.
Conxuntamente coa parte da creación do sendeiro, leváronse a cabo na zona do paseo Ramiro Recouso diversas actuacións de melloras consistentes na substitución de 53 luminarias por unhas tipo LED mais eficientes e con unha mellor proxección de luz, renovacións nas varandas de madeira das pasarelas, pavimentación de 400 m2 en formigón do entorno do Muiño da Braña, completar a definición de parte da senda coa instalación de bordo de madeira en 200 metros lineais e aporte de pavimento de xabre, instalación de 7 novos bancos na zona, e a instalación de carteis informativos para a ruta de sendeirismo, co código do sendeiro outorgado pola FGM, así como o código QR para o rápido acceso a web, que permite descargar a topoguía e o track da ruta ao fin de poder empregar GPS no seu percorrido.

Melloras e obras na traza do roteiro.
Para o acondicionamento do roteiro conforme ao trazado aprobado, procedeuse ao desbroce e limpeza de todo o percorrido ao fin de facelo transitable, eliminando todos os residuos das operacións silvícolas realizadas. Boa parte do trazado vai paralelo ao río Mercurín, dentro dos 5 metros de zona de servidume, o que permite seguir descubrindo aos que transiten pola ruta novos muíños augas arriba do trazado que actualmente chegaba a Villaverde, e que coa nova ruta chega ata o lugar de Mañufe en Mercurín. O roteiro a súa vez está sinalizado conforme a normativa vixente, con pintura en árbores, 40 fitos indicadores de dirección e 5 postes con frechas, aparte de 8 postes de información de puntos singulares.

Medidas para a difusión.
Ao fin de darlle a maior publicidade a esta nova infraestrutura a disposición dos veciños e de quen queira achegarse a percorrela, colocáronse carteis no paseo e enlaces coa web local, editáronse topoguías físicas con información básica da ruta e do código QR que permitan obter a documentación (track para o GPS) de maneira sinxela e rápida.