A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, presentou no consistorio esta obra impulsada pola Asociación Proxecto Máscaras que trata a reforma do dereito a voto das persoas con diversidade
A Coruña, 28 de novembro de 2019.- A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira; o presidente da Asociación Proxecto Máscaras, Iago González, e varios representantes desta entidade presentaron hoxe no pazo de María Pita a obra de teatro “Eu voto porque me toca”, que se representará este domingo ás 16.30 h no Centro Ágora da Coruña no marco do Festigual.
Esta iniciativa está organizada pola Asociación Proxecto Máscaras, unha entidade de carácter cultural que integra as persoas con discapacidade a través do mundo audiovisual, e participan nela as asociacións Aspronaga, Grumico, o colexio Calasancias, Amiga e Adcor, entre outras.
Neira agradeceulles a todas as entidades colaboradoras o seu traballo e por “facer do seu día a día unha realidade da visibilidade” xa que, asegurou, “é de agradecer que a través destes proxectos tan bonitos e do ámbito da cultura se consiga a normalización e a visibilidade das persoas con discapacidade” porque “estas asociacións ensínannos a que os retos son moito máis fáciles cando un se pon a conseguilos”. A edila tamén lles lembrou a todas as persoas asistentes que o vindeiro 3 de decembro “celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade” e dixo do Festigual que se trata dunha iniciativa que está crecendo e cuxos resultados “están sendo máis que satisfactorios” polo que, explicou, “agardamos que se converta nunha referencia cultural en España”.
“Eu voto porque me toca” é o segundo capítulo da sitcom “Na vida pública” que coincide coa reforma que permite que as persoas con diversidade poidan exercer o dereito a voto, as mesmas persoas que este domingo ás 16.30 h representan no Ágora esta obra teatral que tanto as identifica.