Friday 22 de November de 2024

A Concellería de Mobilidade comprométese a atender as demandas de mellora de accesibilidade do colectivo de persoas afectadas polo glaucoma


 

O edil de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá en María Pita co delegado na Coruña da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá en María Pita con Luís García Gómez, delegado na Coruña da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma, no que foi un primeiro encontro de carácter institucional para falar de temas relativos á mellora de accesibilidade do colectivo de persoas afectadas pola enfermidade.

Villoslada comprometeuse a atender as súas reivindicacións e comunicoulles que contará coa asociación nos grupos de traballo da Mesa pola Mobilidade en materia de accesibilidade e humanización dos espazos públicos.

O representante da asociación trasladoulle ao edil a preocupación do colectivo sobre o mal uso que, nalgunhas ocasións, se fai da bicicleta e doutros vehículos de mobilidade persoal. Neste sentido, Villoslada lembrou que as peoas e os peóns son a principal preocupación do Concello á hora de poñer en marcha actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade e accesibilidade na cidade. “Dámoslles prioridade ás persoas viandantes no desenvolvemento de novos espazos públicos”, recalcou.

Pola súa banda, Luís García comunicoulle ao titular de Urbanismo a intención da asociación de usar o escano cidadán no Pleno da cidade. Para iso, representantes da entidade autonómica están a levar a cabo unha rolda de contactos cos grupos políticos da Coruña.