Thursday 21 de November de 2024

Expertos de Burdeos, Edimbugo, Florencia, Porto e Santiago abordan como xestionar as cidades Patrimonio da Humanidade


O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do programa Interreg Atlantic Area do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Céntrase na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica. Nesta iniciativa, liderada pola cidade portuguesa de Porto, participan tamén como socios as cidades de Santiago, Burdeos e Edimburgo, aos que acompaña ademais Florencia pola súa experiencia na xestión de sitios Patrimonio Mundial.

No marco deste proxecto, hoxe xoves e mañá venres celébrase en Santiago o “4º Encontro Internacional”. Os socios participantes no mesmo avanzan na consecución de melloras de xestión e na definición de estratexias que permitan lograr cidades históricas sustentables dende o punto de vista económico, social e medioambiental; tomando como exemplo a Área Atlántica. O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais, Ano Santo e Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, foi o encargado de abrir a sesión pública deste encontro. Pola súa parte, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, abordou a parte que está a desenvolver a cidade de Santiago dentro deste proxecto.

O papel de Santiago no proxecto
O Consorcio de Santiago foi incorporado a este proxecto debido á súa experiencia na xestión e protección do patrimonio. O seu labor céntrase en detectar os desafíos comúns aos que se enfrontan as cidades participantes nesta iniciativa, a través do estudo dos plans estratéxicos e do planeamento urbano de cada unha delas, analizando a súa situación e problemas concretos. O propósito é chegar a unha estratexia única de cara a mellorar a sostibilidade destas urbes, destacando o valor da participación cidadá en todo este proceso de mellora.

Este estudo de diagnóstico inicial, xa realizado, inclúe o estado do patrimonio en cada unha das cidades, a conservación dos edificios, a situación do espazo público, habitantes, actividades económicas predominantes, medio ambiente, turismo, ferramentas de xestión existentes, xunto ao modelo de gobernanza e sostibilidade. Servirá de punto de partida para dar os seguintes pasos necesarios para crear a metodoloxía para a xestión sostible dos sitios Patrimonio Mundial na Área Atlántica.

Deste estudo de diagnóstico inicial conclúese que na actualidade nos sitios Patrimonio Mundial o turismo, que debe ser unha fonte de ingresos para o conxunto da cidadanía, preséntase como unha ameaza e, ademais, que cómpre facer cidades sostibles (economía, sociedade, medio ambiente, xestión do lixo e da auga, mobilidade…). “Para iso será preciso desenvolver recursos e ferramentas que permitan unha xestión óptima do turismo, de xeito que as cidades non se convertan en parques temáticos e se teña en conta aos propios cidadáns neste proceso”, indica a coordinadora do proxecto por parte de Santiago, a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga-.

Xunto ao turismo, os desafíos que se lle presentan aos sitios Patrimonio Mundial son a perda de poboación, o modelo económico, o cambio climático e a eficiencia enerxética. Búscase así desenvolver estratexias e políticas públicas para a xestión sostible destas cidades, así como modelos participativos, abertos á comunidade.

Así, o reto común é cambiar o paradigma da regulación dos sitios Patrimonio Mundial. “Ademais da protección destes espazos urbanos, debemos garantir a súa reactivación e revitalización”, salienta a arquitecta do Consorcio.

Obxectivos do proxecto
O proxecto responde aos obxectivos de desenvolvemento sostible da UNESCO, que pretende, de aquí a 2030, entre outras cuestións relevantes, “poñer en práctica políticas encamiñadas a promover un turismo sostible que cree postos de traballo e promova a cultura e os produtos locais”.

O resultado principal do proxecto serán os Plans de Xestión Sostible de cada sitio, dirixidos a mellorar a súa protección e atractivo, promover actividades económicas locais e o benestar social das poboacións, ademais do respecto polo medio ambiente. O proxecto, que se aprobou en 2017 e se prolongará ata finais de 2020, conta cun presuposto global de 1.822.665 euros, dos cales 1.366.998,75 están financiados por Fondos FEDER.