Friday 22 de November de 2024

A música adquire un protagonismo especial nas festas de Ordes grazas ao XXIII Concerto de Nadal


Celebrarase o vindeiro sábado e nel participarán a Banda de Música de Ordes, Ritmo Galego, Os Viqueiras e a coral polifónica Eumesa. Tamén se impartirá en aberto unha clase sobre sistemas de improvisación na batería

Un ano máis a música terá un lugar especial na celebracións do Nadal en Ordes. A 23ª edición do Concerto de Nadal terá lugar o vindeiro sábado 27 a partir das 19.30 horas na casa da cultura.
Como é habitual contarase coa participación da Banda de Ordes. Pero non serán os únicos xa que tamén teñen confirmada a súa asistencia as formacións ordenses Ritmo Galego, Os Viqueiras, así como a coral polifónica Eumesa. A asistencia a este evento, xa toda unha tradición no municipio ordense, será de balde.
Nesta ocasión contarase coa presenzas dun convidado moi especial. Trátase do mestre Santos Bartolomé, compositor e exdirector da Banda de Santiago entre outras. Este día estreará o pasadobre especialmente composto para Fernando Gontad, actual director da banda ordense.
O XXIII Concerto de Nadal está organizado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes e a Banda de Música de Ordes, en colaboración co Concello.

Clase de improvisación de batería
O mesmo día a escola municipal de música acollerá de 11 a 13 horas unha master class introdutoria aos sistemas de improvisación na batería. A entrada será grutuíta para todos os que queiran asistir, e estará impartida por Hilario Rodeiro. Incidirase na importancia que ten a improvisación na formación de calquera músico, partindo de niveis moi básicos.
Hilario Rodeiro, que arrancou os seus estudos na Escola Municipal de Música de Ordes, ten unha ampla traxectoria na grabación de discos e na participación de concertos e festivais, sobre todo de jazz. Entre outros logros destacan os premios outorgados pola Academia da Música (2006), no V Concurso de Jazz de Barcelona, así como o acadado polo seu disco Starting (2011) na III Muestra BBK Jazz.