Friday 22 de November de 2024

Rey participa no programa radiofónico “A rotonda nas ondas”, conducido polo alumnado das Esclavas


 

A alcaldesa, que contestou a todo tipo de preguntas feitas polo estudantado, convidounos a trasladarse a María Pita para gravar o programa no pazo

Alumnado de Primaria e da ESO do colexio das Esclavas entrevistou esta mañá a alcaldesa Inés Rey no seu programa de radio “A rotonda nas ondas”, dentro da sección “E ti de quen vés sendo?”, conducido por Sara, Álvaro, Noah e Alfredo coa axuda de Inés Yong e Inés Gómez. Entre todos, formuláronlle cuestións propostas por estudantes do centro e que tocaron terreos persoais como a de por que lle chaman “Miss Wiki” e que atende á súa capacidade para quedarse facilmente con datos ou interrogala sobre a súa época de universitaria.

A rexedora convidounos a que trasladasen os seus aparellos a María Pita para gravar o programa no pazo nun encontro en que falou de como se sente representando a cidade e abordou o groso de proxectos que o Goberno local ten pensado executar e que mellorarán áreas como a mobilidade coa Estación Intermodal ou a reordenación dos buses urbanos; o ámbito do coñecemento, coa construción das Cidades das TIC, ou os asuntos sociais, con programas e axudas para a veciñanza que non dispón de recursos.