A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López, fai un chamamento á utilización dos contedores e do punto limpo para evitar que estes refugallos cheguen á ría
Operarios da brigada municipal do Concello de Noia comezou hoxe unhas tarefas de limpeza e recollida de refugallos na desembocadura do río Vilacoba, tanto na praza do Espírito Santo coma no Malecón de San Lázaro. Uns traballos nos que retiraron unha gran cantidade de residuos, especialmente plásticos pero tamén restos de obra e mesmo neumáticos.
A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, fai un chamamento á utilización tanto dos distintos contedores de recollida selectiva como do punto limpo para evitar que estes refugallos cheguen á ría. “Tirar calquera refugallo ao río ou a calquera outra zona non ten xustificación nunca, pero o máis grave é que se recollera tanto lixo xusto a carón dunha zona operativa con contedores de recollida de todo tipo de lixo”, lamenta Mariola López, quen insiste na importancia da concienciación para evitar este tipo de situacións.
“Hoxe as brigadas atoparon todo tipo de refugallos. O que máis, botellas de plástico. Pero tamén bolsas do lixo cheas, restos de obra e mesmo neumáticos, cando en Noia temos un Punto Limpo operativo no polígono de Augalevada onde poder depositar este tipo de residuos”, apunta a concelleira, quen pediu a colaboración cidadá á hora de erradicar este tipo de comportamentos.
O Concello de Noia ten previsto continuar con estes traballos de limpeza polo municipio grazas á colaboración dos operarios incorporados nestas semanas grazas ao Plan de Integración Laboral da Deputación Provincial da Coruña.