O encontro contou coa participación de Luis Veira, do restaurante coruñés Árbore da Veira; Alexo Negreira, do ferrolá Casalexo; e Cristian Santiago, do restaurante Marea en Cariño
A Consellería de Política Social promove o coñecemento e a educación non formal ao redor da gastronomía e da cociña como posible saída laboral da mocidade. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou no encontro sectorial Emprendemento no eido gastronómico que se celebrou esta mañá en Pontedeume e se puxo en marcha no marco do proxecto Lidera.
Esta iniciativa procura ofrecer ferramentas para que as mozas e mozos adquiran coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento profesional. Para iso, establécese unha dinámica de diálogo entre a xuventude da zona e os axentes económicos do territorio, coa finalidade de impulsar novas oportunidades de colaboración e mentoring.
Nesta ocasión, o encontro contou coa participación de referentes da gastronomía na zona da Coruña, como é Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira, emprazado na cidade herculina; Alexo Negreira, do restaurante ferrolá Casalexo; e Cristian Santiago do restaurante Marea, en Cariño. Ademais das achegas que realizaron estes profesionais, os participantes acudiron á empresa Bico de Xeado para coñecer de primeira man o proxecto de negocio desta compañía.
Proxecto Lidera
O proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (acrónimo LIDERA) foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros, o 75 % financiado con fondos Feder, e terá unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.