Friday 22 de November de 2024

Os veciños de Vilarmaior dispoñen dun moderno e completo parque infantil tras a refoma do espazo de ocio do Tres


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anima aos concellos galegos a beneficiarse en 2020 da partida de 6,5 millóns de euros destinadas a sufragar este tipo de actuacións
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que os veciños de Vilarmaior dispoñen dun moderno e completo parque infantil, tras a reforma da zona de ocio do Tres.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá os traballos levados a cabo dentro do Plan hUrbe, cos que se modernizou e se mellorou as dotacións do parque infantil O Tres, un espazo clave para a vila, xa que este parque está situado ao lado da piscina municipal e rodeado dun amplo número de servizos.

Destacou que aínda que non é unha actuación cun elevado investimento, o importe da mesma foi de máis de 40.000 euros, dos que a Xunta achegou un 70%, o fin da actuación si que é importante, pois permite dotar a esta zona dun parque accesible e actual para os máis cativos, ao tempo que se habilita un novo punto de encontro para as familias.

O novo parque conta con tobogáns e randeeiras e o chan é de caucho para amortecer as caídas dos pequenos. Tamén se colocou novo mobiliario urbano, como un banco con respaldo e papeleiras novas, para evitar a “basuraleza” neste espazo social.

A Xunta de Galicia sabe da especial importancia que teñen para os concellos a materialización de determinados proxectos, coma este de Vilarmaior, para mellorar a calidade de vida e dinamizar determinadas zonas; por iso invitou ás administracións locais a acollerse aos 6,5 millóns de euros que se consignaron nos orzamentos de 2020 para levar a cabo actuacións que promovan a recuperación e mellora dos espazos públicos dos concellos galegos.

Por último, destacou que este tipo de actuacións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas; en definitiva, pola preservación da identidade de Galicia.