Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame adxudica por case 165.000 euros a primeira fase da mellora da eficiencia enerxética do alumeado público


 

A actuación permitirá unha redución do gasto de 30.000 euros anuais

O Concello de Lousame vén de adxudicar o contrato de “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” á empresa Electricidad Cruceiro SL por un importe de 164.681 euros. As obras contan cun prazo de execución de tan só 56 días naturais, que comezarán a contar unha vez que se asine o contrato, pois non será preciso acta de replanteo.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “o proxecto inclúe a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público en Portobravo, na pista de Cruído, Berrimes e na parroquia de Lousame, onde se cambiarán os sistemas de iluminación por sistemas LED, renovarase os centros de mando, instalaranse reloxos astronómicos de acendido e apagado e renovarase o cabreado, entre outras actuacións”. Con esta actuación producirase unha redución do gasto enerxético do Concello de Lousame de 29.887 euros anuais, así como unha minoración do consumo enerxético de 123.356 kWh.

De feito, o contrato adxudicado supón unha primeira fase de actuación, xa que permitirá cambiar 348 dos 2.148 puntos de luz existentes no municipio. A segunda fase do proxecto xa foi aprobada en outubro de 2019 polo Pleno Municipal e conta cunha subvención concedida polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), que en ambos casos financia o 80% do importe destes traballos a través de Fondos FEDER.

Actuacións previstas

Electricidad Cruceiro SL procederá á substitución de 348 luminarias obsoletas do alumeado municipal lousamiá, con lámpadas de vapor de mercurio e baixa eficiencia enerxética, por luminarias tipo LED. Así mesmo, procederase a renovar os centros de mando actuais, bastante deteriorados polo paso do tempo, e nas estradas substituiranse os brazos actuais das farolas por outros que eleven a posición das lámpadas. Así, ao axustar os parámetros de alumeado a cada tipo de vía, melloraranse as condicións de confort visual.

A maiores, dotarase á rede municipal de alumeado de sistema de acendido mediante reloxo astronómico, o que permitirá axustar os horarios de acendido e implantar sistemas de regulación de consumo en horario de madrugada. Deste xeito, ao rematar os traballos, todas as instalacións renovadas terán a cualificación enerxética máis elevada (A) e cumprirán co disposto no Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión. Isto suporá tamén un aforro en mantemento de equipos, xa que suporá un aumento da vida útil das luminarias. A actuación principal terá lugar na capital municipal, Portobravo, onde se substituirán as 92 luminarias.

Segunda fase

A segunda fase do proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” foi aprobado o pasado 28 de outubro polo Pleno municipal, que aceptou así a subvención concedida polo IDAE e que ascende ao 80% dos 927.271,4 euros nos que está presupostada a actuación. Unha segunda fase que permitirá actuar no resto de puntos de luz do municipio, coas excepcións das localidades incluídas na primeira fase e no proxecto executado no 2016 (que supuxo a renovación das luminarias en Marracín de Abaixo, Marracín de Arriba e Tállara, así como o arranxo do alumeado do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, por 75.110 euros).

Teresa Villaverde sinala que “unha vez executada esta segunda fase, reduciremos noutros 95.500 euros anuais o gasto enerxético e minoraremos o noso consumo en máis de 400.700 kWh de consumo enerxético xa que todas as instalacións terán cualificación enerxética A”. As actuacións a realizar serán semellantes ás descritas para a primeira fase do proxecto.