O Concello súmase un ano máis á iniciativa pola inclusión social “Baixo o mesmo paraugas”, que se realizará en María Pita o día 3 de decembro con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, xunto á directora de Aspace, Sonia Ruiz, presentou esta mañá a IV edición de “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade”, unha iniciativa pola inclusión social das persoas con discapacidade que se realizará o día 3 de decembro en María Pita e na que participarán 28 entidades da cidade e da área metropolitana. A iniciativa, que naceu en 2016 da man de Aspace e engloba hoxe en día 80 entidades en toda Galicia, serve para conmemorar o Día internacional das Persoas con Discapacidade.
A concelleira quixo agradecer o traballo que fan estas entidades no ámbito da inclusión social na cidade. “Fannos a vida moi fácil no noso día a día coa súa colaboración”, dixo, ao tempo que convidou a toda a cidadanía a participar nun acto “no que lles damos voz aos verdadeiros protagonistas e serve para visibilizar a todos os colectivos e reivindicar os seus dereitos”. “Trátase non só de dar oportunidades senón tamén de recibir todo aquilo que as persoas con diversidade nos poden achegar a nós”, dixo.
Doutra banda, Sonia Ruiz, directora de Aspace e portavoz de todas as asociacións, agradeceu a colaboración do Concello e reivindicou a importancia dun acto “no que as verdadeiras protagonistas son as persoas con discapacidade”. “Un día sen siglas nas que todos defendemos o mesmo; os dereitos das persoas con diversidade funcional”, sinalou.
Sonia Ruiz puxo en valor o movemento asociativo. “Todos xuntos chegaremos máis lonxe na plena inclusión das persoas con discapacidade no mundo laboral, social, cultural e xurídico”, dixo. E apuntou á necesidade de eliminar non só as barreiras cognitivas e sensoriais, senón tamén as sociais, “non mirar diferente porque non sexamos iguais”.
O acto, que se realizará en todas as provincias galegas, terá lugar na praza de María Pita, onde todos os colectivos abrirán o seu paraugas pola diversidade tras a lectura dun manifesto redactado por elas mesmas. Un paraugas, explicou a portavoz, que simboliza a forza do movemento asociativo, “somos unha minoría moi grande” e dunha sociedade diversa e plural que debe acoller a todos por igual.
Tamén anunciou que este ano foron convidados a participar os escolares dos centros educativos da cidade, que nos días previos traballarán nas aulas o tema da diversidade.
O acto de carácter lúdico e reivindicativo, que se enmarca na programación do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, Festi=, contará coa actuación do grupo Naranja Imaginarium e unha representación do espectáculo de danza “Palabras que habitan corpos”.