Saturday 16 de November de 2024

A aula de usos múltiples de Boqueixón estrea a exposición ‘BlasFemia’, de Sara Pardo Lareo


O Centro de Información á Muller (CIM) boqueixanés vén de inaugurar a exposición BlasFemia, de Sara Pardo Lareo. A mostra abre as súas portas dentro da programación especial preparada polo CIM de Boqueixón con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra hoxe.

Trátase dunha colección de sete instantáneas nas que pretende amosar os pecados capitais en torno á figura da muller na sociedade actual. Unha percorrido da man da moza boqueixanesa Sara Pardo Lareo, que pretende pór o foco nas desigualdades e nos estereotipos vencellados ás mulleres.

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de decembro. Poderase ver en horario de 09.00 a 14.30 horas de luns a venres na aula de usos múltiples do Concello de Boqueixón.

As actividades desenvolvidas polo CIM de Boqueixón con motivo do 25-N son posibles grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.