Saturday 16 de November de 2024

A música pop do grupo Naranja Imaginario pon o broche de ouro á segunda edición do Festival Brión Inclúe


 

Un concerto do grupo Naranja Imaginario, unha banda de pop electrónico e psicodelia cósmica nacida no 2015 e composta por persoas con discapacidade intelectual que atoparon na música unha poderosa vía de creación e comunicación coa vida e a cultura, puxeron o broche de ouro á segunda edición do Festival Brión Inclúe. Un concerto no que estiveron acompañados polo alumnado da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión e Fátima Pego.

Ao acto asistiu a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, quen destacou “a satisfacción de ver que este festival ten continuidade porque tan importante é facer cousas novas como mantelas no tempo”. Ademais, o centro social polivalente de Brión acolleu este domingo un mercado solidario dos distintos colectivos e asociacións participantes no II Festival Brión Inclúe: Federación de Asociacións de Persoas Xordas, Saúde Mental FEAFES Galicia, Grupo de Teatro Muxicas, Asociación Proxecto Máscaras, grupo Naranja Imaginario, Compañía 5S e DOA Saúde Mental.

Brión inclúe é unha iniciativa que busca a inclusión real de persoas con discapacidade e que está organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega e cofinanciada por Gadis e Froiz.