Sunday 24 de November de 2024

Música, viandas e animadas conversas no Encontro dos Maiores de Riveira


 

Proseguindo coa tradición, preto dun milleiro de persoas déronse cita nunha nova edición do Encontro das Persoas Maiores: un evento organizado dende os Servizos Sociais do Concello de Riveira que se celebrou no pavillón da Fieiteita con viandas, música e animadas conversas.

Antes, ás 12.30 horas, oficiouse unha misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía que incluíu a actuación da Rondalla de Aguiño.

Xa no recinto polideportivo, a xuntanza arrancou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz, da concelleira de Servizos Sociais Ana Ruiz e de Ildefonso de la Campa, director xeral de Maiores da Xunta de Galicia. O alcalde puxo en valor durante o seu discurso o papel dos nosos veciños máis veteráns, aos que cualificou de “presente e futuro deste concello” e respecto dos que se comprometeu a seguir traballando para o seu benestar durante todos os días do ano. Tamén Ildefonso de la Campa puxo en valor o papel desenvolvido pola Xunta de Galicia en favor das persoas maiores, mentres que Ana Ruiz ensalzou o labor desempeñado polos traballadores e traballadoras municipais de Servizos Sociais.

Outras autoridades quixeron estar presente no evento, como o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; o capitán marítimo de Vilagarcía, Manuel Martínez; o comandante do EVA 10, Roberto Ruiz; o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez; o patrón maior de Aguiño José Antonio Santamaría, forzas de seguridade do municipio, concelleiros de distintos grupos da Corporación, etc.