Thursday 21 de November de 2024

Cen persoas desafiaron á choiva e ao vento participando na V Andaina contra a violencia de xénero de Lousame


 

Mañá luns 25 de novembro terá lugar unha concentración ás 13:30 horas diante da casa consistorial aberta á cidadanía

Exactamente cen persoas, das 181 inscritas inicialmente, percorreron esta mañá os 9 quilómetros da V Andaina contra a Violencia de Xénero, organizada polo Concello de Lousame, desafiando á choiva e ao vento continuo que marcou a xornada e que non deixou de caer en ningún momento do traxecto. Ben abrigados, con calzado de montaña, chubasqueiros, paraugas e equipados cos seus chalecos reflectantes coa lenda “Lousame contra a violencia de xénero, polo respecto!”, saíron puntuais do polideportivo Pilar Barreiro Senra.

Minutos antes, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, lles agradecera a súa participación nesta iniciativa, “sobre todo cando a climatoloxía non acompaña pero o que importa é que todos e todas estamos aquí para amosar o noso total rexeitamento á violencia machista”. Neste sentido, convidou a toda a veciñanza de Lousame a participaren mañá luns 25 de novembro, ás 13:30 horas, nunha concentración contra a violencia de xénero diante da casa consistorial, onde se lerá un manifesto e se gardará un minuto de silencia polas vítimas deste ano.

Acto seguido, o técnico de Deportes, Germán Romero, deu uns últimos consellos aos participantes, explicándolles que se ben o terreo polo que circulaba a andaina se atopaba en boas condicións e perfectamente sinalizado, o mellor era camiñar a un ritmo máis lento e con maior precaución, sobre todo nos tramos próximos aos ríos. O traxecto rematou sen incidencias, se ben o ritmo de paseo foi menor e a andaina alongouse media hora sobre o inicialmente previsto.

A pesar das adversas condicións meteorolóxica, Germán Romero sinala que “a xente rematou encantada co percorrido e por poder ver un río espectacular”. Un traxecto que discorreu por Pastoriza, O Castro, río Vilacoba, papeleiras de Fontán e Brandía, Portobravo e A Silva. O que si fixeron esa choiva, vento e frío foi que o chocolate quente con rosca que os agardaba á volta no polideportivo lles prestara aínda máis. A maiores, repartíronse un total de cen vasos grazas á financiación recibida polo Concello de Lousame con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade.

Engánchate ao bo trato

Ademais da concentración en contra da violencia de xénero diante da Casa Consistorial, mañá luns o Concello de Lousame ten programada unha actividade no CPI Cernadas de Castro. O acto dará comezo ás 12:10 horas na aula de usos múltiples, onde terá lugar a presentación por parte da directora do centro, Pilar Cobas, e a lectura do Manifesto contra a violencia de xénero por parte de Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade. Ás 12:20 terá lugar a proxección do vídeo “Engánchate ao bo trato”, que recolle o traballo realizado polo alumnado nos obradoiros do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Tras os 20 minutos que dura o vídeo, tomará a palabra a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen acompañará ás 12:45 horas ao alumnado na creación do “Xardín da lembranza”, emprazado no corredor central do colexio. Aló, os nenos e nenas de Lousame plantarán flores co nome das vítimas da violencia machista deste ano xunto a palabras nas que expresarán os seus sentimentos diante desta realidade.