Saturday 16 de November de 2024

Centos de persoas participan nos actos de celebración da Santa Icía


 

O programa para honrar á patroa dos músicos incluíu concertos da Banda de Ordes, orquestras, gaiteiros e sorteos de agasallos, ademais dun xantar popular

Compoñentes da Banda de Música de Ordes, veciños, veciñas, representantes institucionais, membros da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes… Ninguén deixou pasar hoxe por alto a celebración de Santa Icía, patroa dos músicos.

Como é habitual a Asociación Amigos da Música de Ordes foi a encargada de organizalo. O concerto ofrecido pola Banda de Música de Ordes serviu de posta de largo para os novos e novas integrantes, que foron recibido cun sonoro aplauso por parte de todo o público. Formando parte del estiveron tamén o alcalde de Ordes e o concelleiro de Cultura, José Luis Martínez Sanjurjo e Abel Blanco respectivamente.

Tras a actuación deu comezo un xantar popular no que 250 comensais deron boa conta dun menú tradicional con polbo, xamón asado, empanada, viño, postres etc. Ao remate a música envolveu unha vez máis o pavillón Campomaior, escenario habitual desta cita dende hai uns anos. Novamente a Banda de Música de Ordes, esta vez a carón de Embruxo Gaiteiros e a orquestra Xacobeo, animaron a quen ata alí se achegou. Mentres, os máis cativos non paraban de saltar e divertirse nos inchables instalados para a ocasión. Por último sorteáronse diversos premios e agasallos, como unha actuación da mesma banda ou varios xamóns e cestas de Nadal.